22 de set. de 2025

TOMIÑO

A Deputación destina preto de 1,2 millóns de euros ao Espazo Isaura Gómez, no Seixo, Tomiño 

O deputado provincial Roberto José Álvarez Carrero acaba de participar na inauguración deste espazo que foi construído e equipado con recursos da Deputación e que servirá para a dinamización social e cultural do Baixo Miño 


O deputado provincial Roberto José Álvarez Carrero, coa alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez, e membros da corporación municipal, na data da inauguración do Espazo Isaura Gómez
Foto: D.PO.

Infogauda / Tomiño

 O deputado provincial Roberto José Álvarez Carrero acaba de participar na inauguración, no Seixo (Tomiño), do Espazo Isaura Gómez, que ten por obxectivo converterse no referente da vida social e cultural do Baixo Miño. O desenvolvemento do proxecto contou co apoio da Deputación de Pontevedra a través dun total de 1,2 millóns de euros que serviron para a construción do edificio e financiar o seu equipamento.  

 O deputado provincial destacou que, con estes recursos provinciais, Tomiño puido afrontar os traballos necesarios para dar resposta as necesidades da veciñanza a nivel municipal e comarcal a través desta nova dotación sociocultural, que a partir de agora se poderá beneficiar de espazos de biblioteca, aula CeMIT, área de atención temperá, arquivo municipal e salas polivalentes para usos culturais e sociais. “O resultado non pode ser mellor, conseguindo un espazo público flexible, aberto, accesible e integrador, no que se puxo unha especial atención na eficiencia enerxética”, asegurou Carrero.  

 Así mesmo, o deputado provincial lembrou que, grazas as achegas do goberno provincial, tamén foi posible equipar as diferentes estancias do Espazo Isaura Gómez cun mobiliario versátil, contemporáneo e adaptado ás necesidades de cada espazo, e remarcou que “na Deputación de Pontevedra non podemos estar máis contentos do éxito deste proxecto que combina funcionalidade, eficiencia, modernidade e memoria colectiva. Estou seguro que o Espazo Isaura Gómez se converterá nun axente fundamental na dinamización da actividade cultural e social de Tomiño e de toda a comarca do Baixo Miño”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario