17 de set. de 2025

TOMIÑO

Tomiño vai abrir as portas do Espazo Isaura Gómez, un edificio pioneiro con selo sostible e vocación cultural  

O Concello inaugurará este sábado, 20 de setembro, ás 12.00 h este espazo que integra biblioteca, arquivo municipal, aula CeMIT e servizos veciñais  


Espazo Isaura Gómez, un edificio pioneiro que reúne nun mesmo lugar a agardada biblioteca municipal, o arquivo municipal, a Aula CeMIT e outros servizos veciñais
Foto: C.T.

Infogauda /  Tomiño 

 Tomiño dá un salto cualitativo na súa rede de servizos públicos cun proxecto que marca un antes e un despois na vida cultural e social do municipio. O Concello vai inaugurar este sábado, 20 de setembro, ás 12.00 h o Espazo Isaura Gómez, un edificio pioneiro que reúne nun mesmo lugar a agardada biblioteca municipal, o arquivo municipal, a Aula CeMIT e outros servizos veciñais, coa vocación de converterse nun punto de encontro, formación e dinamización cultural. 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destaca que a posta en marcha deste proxecto “é un fito que marca o futuro cultural do noso concello, xa que é un espazo comunitario aberto a todas as xeracións, no que o coñecemento, a memoria e a creatividade van da man”.  

 O edificio, cun investimento próximo aos 2 millóns de euros, foi concibido como unha infraestrutura multiusos, versátil, cómoda e aberta á cidadanía. Conta cun deseño altamente eficiente desde o punto de vista enerxético e aspira a ser un dos primeiros edificios públicos da comarca en acadar a clasificación PassivHouse, grazas ao seu baixo consumo enerxético e á incorporación de enerxías renovables para calefacción e refrixeración. Ademais, dispón de sistemas intelixentes de climatización, control automático de accesos e a dixitalización dos arquivos municipais, co obxectivo de acadar a máxima autonomía e eficiencia. 

 A rexedora puxo en valor tamén o proceso de participación cidadá que estivo na orixe do proxecto: “Sen dúbida será un espazo de referencia para a dinamización cultural que foi pensado e deseñado estudando outros exemplos de éxito e froito dunha consulta á veciñanza, na que participaron máis de 300 persoas pertencentes a distintos colectivos e asociacións”. Unha implicación que continuou durante toda a posta en marcha do inmoble xa que veciños, veciñas e persoas de toda a comarca á campaña Rebiblar, que serviu para dotar de fondo bibliográfico a biblioteca. “Moitas grazas a todas e todos os que achegáchedes o voso grao de area para que este soño se fixera realidade. Formaches parte desta historia e queremos compartila contigo”, sinala González. 

 O Concello convida a toda a veciñanza a participar na apertura deste novo espazo que leva o nome de Isaura Gómez, unha veciña de Figueiró, unha muller culta e activa, defensora a ultranza de valores como a xustiza, a igualdade e a liberdade. Unha homenaxe coa que “rescatar e dar a coñecer a memoria de mulleres como ela que defenderon e creron firmemente nunha sociedade máis igualitaria e que se converteron nun referente para as xeracións de hoxe e do futuro”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario