ABEL LOSADA AGRADECE A LUIS VILLAMIL O SEU “VALIOSO TRABALLO” Á FRONTE DA OFICINA DE PRENSA DA GARDA CIVIL
Infogauda / Pontevedra
O subdelegado do Goberno, Abel Losada, recibiu ao sarxento primeiro Luis Villamil Hermida, con motivo da xubilación do que ata o día de hoxe foi xefe da Oficina Periférica de Comunicación (OPC) da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra. Losada felicitouno polo “valioso e impagable traballo realizado nestes últimos catro anos, que ten contribuido, con profesionalidade e dedicación constante, a que se coñeza mellor o inxente traballo que a Garda Civil realiza a diario en tódolos concellos da súa Demarcación, que é todo o territorio provincial a excepción do ámbito urbano de Pontevedra, Vigo-Redondela e Vilagarcía”.
Losada recalcou a estreita colaboración coa Subdelegación do Goberno e sobre todo a “accesibilidade” de Luis Villamil, “converténdose nunha peza fundamental desa engranaxe que serve paras que a sociedade estea informada do inxente traballo que as mulleres e homes da Benemérita desenvolven día tras día, non só na investigación e persecución do delito, senón en moitas outras facetas da vida social”.
Luis Villamil, que o pasado 25 de agosto cumpriu os 65 anos, levaba os últimos catro na reserva á fronte da OPC de Pontevedra tras unha longa carreira profesional. Incorporouse á Garda Civil en 1977 e prestou servizo no posto de Bueu e posteriormente na Comandancia de Pontevedra, onde estivo á fronte da Intervención de Armas e Explosivos durante máis de 30 anos. Tras un breve paso por Barcelona, no Servizo de Seguridade do aeroporto do Prat, volveu a Pontevedra onde, ao pouco tempo, fíxose cargo da oficina de Prensa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario