18 de set. de 2025

O ROSAL

O Coro Infanto-Xuvenil da Agrupación Musical do Rosal presenta o videoclip “Novas Xeracións” 

   Este venres, 19 de setembro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Rosal




Infogauda / O Rosal  

 O Coro Infanto-Xuvenil da Agrupación Musical do Rosal celebrará este venres, 19 de setembro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Rosal, a presentación do seu primeiro videoclip, titulado “Novas Xeracións”. A entrada será libre ata completar a cabida.  

 Este proxecto, pioneiro no seu ámbito, foi posible grazas ao apoio da Federación Coral Galega (FECOGA) a través dunha liña de axudas destinadas á dixitalización e mocidade, desenvolvéndose ao longo deste ano.  

Un proxecto innovador con mirada de futuro 

 A iniciativa busca reforzar a visibilidade do movemento coral xuvenil e promover valores fundamentais como a convivencia, o traballo en equipo e a creatividade, ao tempo que se garante a remuda xeracional no ámbito coral galego.  

 Un dos aspectos máis destacados do proxecto é o seu forte compoñente dixital: a creación dun produto audiovisual adaptado aos formatos de consumo actuais, pensado para atraer e conectar coa mocidade.  

Unha aposta pola cultura e a mocidade 

 O videoclip “Novas Xeracións” é froito do esforzo e ilusión das novas voces da Agrupación Musical do Rosal, que se presentan como exemplo da forza das xeracións que veñen pisando forte no panorama cultural galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario