11 de set. de 2025

DEPORTES

Tomiño convértese no epicentro do baloncesto feminino cun partido amistoso internacional de alto nivel  

 O Celta Baloncesto Feminino enfróntase ao portugués Esgueira Basket este sábado, 13 de setembro, ás 16.30 h no pavillón da Carballa. Entrada de balde  


A presentación oficial do evento contou coa participación da alcaldesa, Sandra González; do concelleiro de Deportes, Rubén García; do presidente do club, Carlos Álvarez; e de Paula Salinas, xogadora do Celta Baloncesto Feminino
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 O deporte feminino galego escribe unha nova páxina en Tomiño. Este sábado 13 de setembro o pavillón da Carballa acollerá ás  16.30 horas un encontro internacional de pretempada que enfrontará ao Celta Baloncesto Feminino e ao Esgueira Basket de Portugal, unha cita que promete espectáculo e emoción para todas as persoas amantes do baloncesto. 

 A presentación oficial do evento contou coa participación da alcaldesa, Sandra González; do concelleiro de Deportes, Rubén García; do presidente do club, Carlos Álvarez; e de Paula Salinas, xogadora do primeiro equipo, que coincidiron en subliñar a importancia de achegar á veciñanza encontros deste nivel, un partido de balde que estará aberto ao público. 

 A rexedora destacou que “este partido supón unha oportunidade única para poñer en valor o deporte feminino e situar a Tomiño no mapa de eventos deportivos internacionais, reforzando o noso compromiso cunha igualdade real tamén no ámbito deportivo”. 

 Pola súa banda, o concelleiro de Deportes agradeceu a implicación do Celta Baloncesto Feminino por escoller Tomiño como escenario deste encontro. “Queremos que a nosa mocidade vexa de preto referentes deportivos e que iso sirva para seguir animando ás nenas e mozas a practicar baloncesto, un dos deportes con máis licenzas femininas no noso país”, asegurou. 

 Con este partido, o Celta Baloncesto Feminino busca seguir compartindo co público galego o máximo nivel do baloncesto feminino, achegando a diferentes localidades encontros que se converterán nun gran atractivo para as e os espectadores.

Ningún comentario:

Publicar un comentario