21 de ago. de 2025

TOMIÑO

O Concello de Tomiño avanza nas obras da Avenida Ordóñez e mellora o acceso ao novo aparcamento 

  A finalización das melloras permitirá unha circulación máis fluída, segura e cómoda, ao tempo que reforzará a conexión cos principais espazos públicos e servizos do centro urbano

 

Obras na avenida Ordóñez, en Goián
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño 

 “O Concello de Tomiño continúa a avanzar de maneira significativa nas obras de mellora da Avenida Ordóñez, no núcleo de Goián, unha intervención clave dentro da estratexia municipal de mobilidade sostible, ordenación urbana e mellora dos espazos públicos para as persoas. Estas actuacións, iniciadas hai uns meses, teñen como principal obxectivo modernizar a infraestrutura viaria, mellorar a accesibilidade e incrementar a seguridade de peóns e condutores”, afirman desde o equipo de goberno local. 

 “Entre os traballos xa realizados destacan o reasfaltado integral da vía, a renovación das beirarrúas con materiais máis accesibles e resistentes, e a adecuación do novo acceso ao aparcamento anexo, que conta xa con máis de 200 prazas. Este equipamento resultará esencial para desconxestionar o tráfico na contorna, favorecer o comercio local e facilitar a mobilidade das persoas que se achegan á zona para facer xestións, mercar ou desfrutar dos espazos de lecer. 

 Unha vez finalizadas as obras, a entrada e saída ao aparcamento estarán mellor integradas coa avenida principal e co resto do núcleo urbano, garantindo unha circulación máis fluída e segura. Ademais, esta mellora repercutirá directamente na comodidade da veciñanza, prestando especial atención á seguridade de colectivos como nenos e persoas maiores, que a partir de agora contarán con itinerarios peonís máis amplos e accesibles. 

 O Concello destaca que estas actuacións forman parte dun plan integral máis ambicioso, que inclúe a modernización doutras rúas, a creación de novos espazos públicos de convivencia e a conexión con áreas periféricas do municipio. O obxectivo final é ofrecer unha vila mellor organizada, máis cómoda e sostible, que poida dar resposta ás necesidades actuais e futuras da cidadanía”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario