15 de ago. de 2025

A GUARDA

A Guarda acollerá o Mercado Reviravolta, o Feirón do Trega 

  O sábado 23 de agosto, desde as 10:00h ata as 21:30h, no Chans Novo (Monte Trega, A Guarda)




Infogauda / A Guarda

 O vindeiro sábado 23 de agosto, desde as 10:00h ata as 21:30h, o Chans Novo (Monte Trega, A Guarda) converterase nun espazo de encontro con motivo do Mercado Reviravolta, unha xornada que mestura mercado de segunda man e artesanía, recitais poéticos, obradoiros, andainas guiadas, cantina e música en directo. 

 Con espírito comunitario e sostible, Reviravolta nace como unha proposta singular no calendario do verán galego. Durante todo o día, máis de 50 postos de venda ofrecerán produtos de segunda man, arte, cerámica, téxtil, libros e pezas únicas nunha contorna privilexiada sobre A Guarda. 

 A programación abrangue actividades para tódolos públicos con visitas guiadas de mañá e de tarde ao poboado castrexo e polos atallos do Trega; obradoiros durante todo o día para tódolos públicos; recital poético a cargo de Francisco Álvarez (Koki); e concertos en vivo na sesión vermut e de tardeo, a cargo de Palito e Antonio Tato, respectivamente. Haberá tempo para a música tradicional con foliada aberta e, ademáis, toda xornada estará amenizada con picadiscos nas mans de Rhythmandbeer. E todo acompañado de cantina a prezos populares e espazo gastronómico con produtos locais. 

 Organizado pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Guarda, co apoio do Concello de A Guarda e outras entidades locais, Reviravolta é tamén un espazo para a reflexión sobre a sostibilidade e a vida en común, un evento busca dinamizar social e culturalmente o espazo comunal, festexando as múltiples formas de facer comunidade e desfrutar o monte. 

 A entrada ao mercado é libre e todas as actividades (visitas guiadas, concertos, recitais), agás os obradoiros, son gratuítas. 




 Todas a novidades sobre o mercado ponden seguirse a través das súas redes sociais en Instagram e Facebook: @reviravolta_mercado

Ningún comentario:

Publicar un comentario