"Goián, primeira praia inclusiva e adaptada do río Miño", resalta o Concello de Tomiño
• A instalación conta cunha cadeira anfibia, pantalán e unha rampla de acceso á auga de 39 metros
Infogauda / Tomiño
No día de hoxe, xoves, 28 de agosto de 2025, o Concello de Tomiño fixo pública a seguinte nota de prensa:
"A praia fluvial de Goián, situada no corazón da Fortaleza, reafirmouse este verán como un dos espazos máis singulares do río Miño, tanto polo seu valor histórico e patrimonial como pola súa condición de área natural pensada para o desfrute inclusivo de todas as persoas.
Este enclave é xa un referente ao converterse na primeira praia adaptada e accesible de todo o río Miño. A praia tomiñesa dispón dunha cadeira anfibia que facilita o baño ás persoas con mobilidade reducida, dun pantalán flotante e dunha rampla de acceso á auga de 39 metros de lonxitude e 1,5 de ancho, cunha pendente máxima do 10%. A estrutura, combinando formigón, pasarela metálica e pavimento de madeira, integra a zona de lecer coa paisaxe natural do Miño.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que a praia inclusiva de Goián é un exemplo de como o Concello aposta por espazos públicos accesibles e adaptados para garantir a igualdade de oportunidades no lecer, tamén na época estival. Así mesmo, convidou a toda a veciñanza a gozar deste espazo único.
Xunto á zona de baño, a área complétase co gastrobar Fortaleza do Vento, co espazo cultural “Voces Novas” dedicado á lectura e aos xogos e coa programación da Fortaleza de Goián, un enclave de gran valor patrimonial e natural. Con esta iniciativa, Tomiño reforza o seu compromiso coa accesibilidade turística e co lecer inclusivo, situando o río Miño como punto de encontro, igualdade e desfrute compartido.
Esta fin de semana ademais Goián acollerá o cuarto Campionato Inclusivo de Motonáutica, unha competición que busca a integración das persoas con diversidade funcional na práctica do deporte e un verdadeiro espectáculo para ver e comprobar que o río e o deporte son para todas as persoas por igual".
Ningún comentario:
Publicar un comentario