28 de ago. de 2025

O ROSAL

O Concello do Rosal anima á infancia e adolescencia a formar parte de Fogaric@s  

   O grupo de participación infantil e xuvenil ofrece un espazo para opinar, propoñer melloras e participar activamente na vida do municipio 

 

Grupo de participación infantil e xuvenil Fogaric@s
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal 

 O Rosal busca nenos, nenas e adolescentes implicados co presente e futuro do municipio. O Concello anima a toda a rapazada de entre 9 e 17 anos a unirse ao grupo de participación infantil e xuvenil Fogaric@s, un espazo pensado para que poidan expresar as súas ideas e propoñer melloras sobre todos aqueles temas que lles afectan directamente. 

 Creado para darlle voz á rapazada rosaleira, como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “formar parte de Fogaric@s é unha oportunidade para aprender, opinar, decidir e traballar en equipo, contribuíndo activamente a construír un Rosal mellor desde a mirada da infancia e da adolescencia”.  

 Durante os próximos meses, o grupo participará en diferentes actividades e encontros arredor da conmemoración o 20 de novembro do Día Internacional dos Dereitos da Infancia e Adolescencia. Entre as accións previstas destacan a participación no Encontro Autonómico de Participación Infantil e Xuvenil, a celebración do Pleno Municipal da Infancia e a asistencia ao Foro de Participación no Parlamento Galego. 

 As inscricións xa están abertas e poden realizarse a través da páxina web do Concello ou contactando directamente co equipo de dinamización no teléfono 604 086 970.

Ningún comentario:

Publicar un comentario