A AECT Rio Minho busca solucións aos problemas ambientais e socioeconómicos do río
• A agrupación europea de Cooperación Territorial reuniuse coa Comisión Interministerial de Límites e Cuncas Hidrográficas Luso-Españolas
Infogauda / O Baixo Miño
A AECT Rio Minho e a Comisión Interministerial de Límites e Cuncas Hidrográficas Luso-Españolas (CILBH) veñen de manter unha xuntanza co fin de responder á situación crítica do treito internacional do río Miño. En representación da AECT Rio Minho estiveron presentes o seu director, José Manuel Vaz Carpinteira e o alcalde de Arbo, Horario Gil. Pola banda da CILBH, o presidente da comisión, o embaixador Carlos de Sousa Amaro.
Durante o encontro, presentáronse os principais retos ambientais e socioeconómicos que afectan este curso de auga transfronteirizo, nomeadamente o asolagamento, as variacións de caudal, os impactos na actividade pesqueira e a biodiversidade. Ademais, subliñouse a urxencia dunha actuación coordinada entre Portugal e España e así como a importancia de reforzar os mecanismos de cooperación existentes.
Pola súa banda, o embaixador Carlos Amaro compartiu os avances recentes no ámbito da CILBH, así como o compromiso da Comisión en atopar solucións estruturadas para os problemas identificados. A reunión tamén permitiu aliñar esforzos para a preparación de propostas que se presentarán nos foros bilaterais.
“A AECT Río Miño está profundamente comprometida en representar, de forma coordinada e construtiva, os intereses das comunidades transfronteirizas. O noso papel é dar forza a esa voz, articular esforzos e sensibilizar ás autoridades competentes para que os problemas urxentes que afectan ao río Miño teñan unha resposta efectiva e duradeira”, afirmou José Manuel Vaz Carpinteira, director do AECT Río Miño.
Ningún comentario:
Publicar un comentario