Máis de 45.000 persoas botáronse á rúa en toda Galiza contra a política forestal do PP e en solidariedade cos afectados polos lumes
• O secretario xeral da CIG, que participou na mobilización de Verín, reclama medidas inmediatas para recuperar os bens e paliar as consecuencias
Infogauda / Galiza
Un total de 28 localidades de todo o país acolleron hoxe multitudinarias mobilizacións convocadas pola plataforma ‘Por un monte galego con futuro’ para rexeitar a política forestal do PP “que queima os nosos montes e as nosas casas” e en solidariedade coas persoas afectadas pola actual vaga de lumes e co persoal do dispositivo contra incendios. O secretario xeral da CIG, que participou na concentración que tivo lugar diante do Concello de Verín, demandou solucións inmediatas para recuperar os bens e paliar as consecuencias do desastre medioambiental e urxiu medidas “para que o que estamos a padecer estes días non volva a acontecer”.
A plataforma -integrada por máis de 50 colectivos, asociacións e organizacións e que naceu en 2018 para promover varias ILP de protección do bosque autóctono e de racionalización da xestión do monte e para amosar a súa oposición ao último Plan Forestal aprobado pola Xunta- fixo público un manifesto no que lle traslada a súa solidariedade tanto ás persoas afectadas como a todo o colectivo de profesionais de prevención e extinción, “que outra volta traballa en condicións de absoluta precariedade, abandono e falta de medios”.
Mais tamén denuncia que esta “traxedia ambiental, social, cultural e económica” que están a provocar os lumes ten como causa directa o abandono do rural e a aposta polo monocultivo de especies de crecemento rápido, “que son as que máis inflúen nas vagas incendiarias”. Neste sentido, e perante o inmediato fin da moratoria para novas plantacións de eucaliptos decretada pola Xunta para o 31 de decembro, consideran necesario reclamar unha moratoria indefinida.
Ao tempo que lembran que o Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galiza (PLADIGA) “é unha ferramenta inútil”, que foi aprobado sen debate nun Consello Forestal da Galiza no que non están representadas todas as organizacións e entidades relacionadas co monte e co medio rural.
Finalmente, inciden en que a verdadeira política de prevención pasa por ter un monte multifuncional e sustentábel coa implicación da veciñanza comuneira e das persoas titulares particulares nesta posta en valor. “Para garantir esta multifuncionalidade faise preciso reclamar da Consellaría do Medio Rural que retome a liña de axudas para a valorización integral do monte, así como as Unidades de Xestión Forestal (UXFOR)”.
Solucións inmediatas
A CIG, que fai parte da plataforma, esixe a dotación dunha partida económica urxente que permita aplicar solucións inmediatas para as persoas e os bens afectados pola vaga de incendios. O secretario xeral da central, que participou na concentración de Verín, fixo fincapé en que as mobilizacións teñen que servir como expresión de solidariedade do pobo galego con quen padece os danos e con quen loita contra o lume, “mais tamén para forzar un cambio nas políticas forestais que evite que algo así volva suceder”.
Paulo Carril denunciou que os incendios que ano tras ano afectan o noso país son consecuencia directa do “polvorín” no que se ten convertido o monte galego pola política do PP de “entrega” do rural a “intereses especulativos” que provocan a destrución das actividades económicas produtivas que favorecen o asentamento da poboación nestas zonas. Unha poboación rural que -lembrou- se atopa “totalmente abandonada” polas administracións públicas.
Ao mesmo tempo, urxiu un plan de choque con accións inmediatas nos terreos queimados para evitar a erosión dos solos e procurar o antes posíbel a súa restauración, así como impedir a chegada de cinzas e outros contaminantes aos ríos e ás rías. E demandou a creación dun único servizo público, de xestión directa e dependente da Xunta, composto por profesionais adecuadamente formados en prevención, extinción de incendios e outras emerxencias que poidan alternar os labores de extinción no verán e prevención durante todo o ano.
Finalmente, adiantou que a CIG esixirá a depuración de responsabilidades “a todos os niveis” polo que está a acontecer, comezando polas administracións públicas e insiste en que as protestas de hoxe e as que se poidan convocar nos vindeiros días teñen que servir tamén para forzar un cambio nas políticas forestais que evite novas vagas de lume no futuro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario