BALONMÁN
Lucía Cruces asume a coordinación da base do Mecalia Atlético Guardés
• A adestradora tudense recolle o testemuño de Fabio Lima e será a máxima responsable da organización da xuventude do equipo miñoto a partir desta tempada 2025/2026
• Cruces asumirá o cargo no seu terceiro ano no Club, despois de dous cursos como xogadora do equipo Sénior Territorial e como adestradora das categorías Cadete e Infantil
• O seu obxectivo será prolongar o bo momento que vive a base do Mecalia Atlético Guardés, poñendo especial atención ao crecemento dos máis pequenos para asegurar a súa solidez a longo prazo
Redacción Deportes / A Guarda
A base do Mecalia Atlético Guardés xa coñece á súa nova coordinadora. A adestradora e xogadora tudense Lucía Cruces recollerá o testemuño de Fabio Lima a partir da próxima tempada 2025/2026 e será a máxima responsable de organización das xuventudes do equipo do Baixo Miño, co obxectivo de prolongar o momento de bos resultados que estas están a vivir e, sobre todo, de manter e incrementar a súa masa deportiva para asegurar o seu futuro ao longo prazo.
Cruces asume o cargo no que será o seu terceiro ano no seo do Club. A técnica incorporouse por primeira vez ás filas do Mecalia Atlético Guardés na tempada 2023/2024, procedente da súa casa no Clube Balonmán Tui, curso no que asumiu a dirección deportiva do equipo Cadete do Mecalia Atlético Guardés. Ao ano seguinte, na pasada tempada, pasou a ser adestradora da categoría Infantil, ademais de colaborar como membro convidado do corpo técnico dos equipos Xuvenil, Cadete, Alevín Mixto e Alevín Feminino.
É dicir, a tudense puido coñecer a fondo á base guardesa tras vivila tan de preto nos dous últimos anos. Tamén formou parte dela, xa que nestas dúas tempadas, Cruces compaxinou os seus labores técnicos co xogo no plantel do equipo Sénior Territorial, tarefa que deixará de lado o vindeiro curso para centrarse no seu novo posto de coordinadora e adestrar aos equipos Cadete B e Xuvenil.
En canto aos seus planes para o futuro dos miñotos máis pequenos, Lucía explica que buscará continuar coa liña metodolóxica común que se viña aplicando a tódolos seus conxuntos nos tempos recentes, tratando de combinar o desenvolvemento deportivo dos equipos coa formación integral de cada unha das súas xogadoras. A pasada tempada, as xuventudes guardesas alcanzaron logros importantes, como a entrada na Final Four dos seus catro principais equipos ou un terceiro posto de grupo na Minicopa Cadete, se ben o maior reto atópase no mantemento dunha masa de xogadoras nutrida e estable.
A este respecto, unha das novidades na próxima tempada será precisamente a creación dun segundo equipo Cadete, chave á hora de asegurar o fluxo de xogadoras ás categorías superiores Xuvenil e Sénior Territorial (actualmente difícil de estabilizar, dado que na idade correspondente moitas mozas abandonan A Guarda por motivos académicos e laborais). Ademais, a nova coordinadora tamén indica que porá especial atención ás etapas máis temperás do deporte e buscará aumentar o número de fichas nas idades Prebenxamíns para tratar de dotar de solidez ao futuro a longo prazo da base.
Ningún comentario:
Publicar un comentario