1 de ago. de 2025

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Mecalia Atlético Guardés busca ‘a fórmula perfecta’ coa súa nova campaña de abonados e socios 

Xa están dispoñibles os abonos e carnés de socio para a nova tempada do equipo miñoto. O lema desta tempada, cun persoal renovado, chama ao apoio da afección en busca de ‘a fórmula perfecta’ 

Como novidade, este curso poderá facerse o pago dos abonos maneira fraccionada, cun incremento de 10 euros sobre o prezo en man 

Os abonos soamente incluirán a liga regular. O carné de socios comprenderá tamén a entrada para fase de eliminatoria, Copa da Raíña e competición europea, así como dá dereito a un asento fixo na Sangriña  


Cartel promocional que publicou o Club este venres, no que as súas xogadoras máis veteranas únense ás recentemente incorporadas, vestidas estas de científicas, tal como descubrirase no vídeo promocional que se estreará na presentación do equipo o próximo 21 de agosto


Redacción Deportes / A Guarda  

 O Mecalia Atlético Guardés busca a fórmula perfecta. Ese é o lema da nova campaña de abonados e socios do equipo miñoto para esta tempada 2025/2026, que xa están dispoñibles para a súa adquisición. Os prezos oscilan entre os 65 euros para menores de 13 anos e 190 euros para abonados de empresa no caso dos abonos, mentres que o carné de socio que inclúe a tempada completa e a reserva de asento fixo no pavillón da Sangriña custará 250 euros. Como novidades, os abonos soamente incluirán os partidos da fase regular ligueira esta tempada, e darase a opción de facer o pago de forma fraccionada. 

 Cun persoal renovado, o Mecalia Atlético Guardés chama ao apoio da súa afección para atopar entre todos ‘a fórmula perfecta’ que permita repetir unha tempada con tantos éxitos deportivos ou máis que a anterior. Así o demostra o cartel promocional que publicou o Club este venres, no que as súas xogadoras máis veteranas únense ás recentemente incorporadas, vestidas estas de científicas, tal como descubrirase no vídeo promocional que se estreará na presentación do equipo o próximo 21 de agosto.  

 Para cumprir coa tarefa, o equipo puxo xa á venda os abonos e carnés de socios para esta tempada. As principais novidades concéntranse nos primeiros, que este ano soamente darán acceso aos partidos da fase regular da liga Guerreiras Iberdrola, mentres que tanto a eliminatoria como as demais competicións que albergue A Sangriña deberán pagarse a parte. Ademais, este curso tamén se dará a opción de realizar o pago de maneira fraccionada, abonando o 50% ao comezo da tempada e o outro 50% antes do 31 de decembro, e cun incremento de 10 euros sobre o prezo en man. No caso de non cumprir co segundo pago, desactivarase o abono ata que este non se realice. Os prezos son os seguintes: 

- Menores de 13 anos: 65 euros en man / 75 euros fraccionado en dous pagos de 37,50 euros 

- Menores de 20 anos: 80 euros en man / 90 euros fraccionado en dous pagos de 45 euros 

- Maiores de 65 anos: 105 euros en man / 115 euros fraccionado en dous pagos de 57,50 euros 

- Abono xeral: 130 euros en man / 140 euros fraccionado en dous pagos de 70 euros 

- Abono de empresa: 180 euros en man / 190 euros fraccionado en dous pagos de 95 euros 

 Ademais dos abonos, tamén se ofrece o habitual carné de socios, que outorgará a todo o que o adquira un número de socio do Club Balonmán Atlético Guardés, así como un asento fixo reservado no pavillón da Sangriña. A diferenza do abono, o carné de socio dará acceso a todas as competicións nas que participe o equipo: a liga regular, a fase de eliminatoria, a EHF European Cup e, en caso de celebrarse algún encontro na casa, a Copa da Raíña. O prezo é de 250 euros sen posibilidade de fraccionarse. 

 Os abonos e carnés de socio xa poden renovarse ou darse de alta na oficina do Club no pavillón da Sangriña en horario de luns a venres de 17.00 a 20.00 horas, ou ben enviando unha mensaxe de WhatsApp ao teléfono 669 630 610, onde se detallarán as instrucións e datos necesarios para realizar o pago.

Ningún comentario:

Publicar un comentario