16 de ago. de 2025

A CORUÑA

Magius, Premio Nacional de Cómic: «Agora fanme máis caso, invítanme aos festivais»  

Meticuloso, detallista, reivindicativo. Este ilustrador murciano recoñece que a súa obra é política e social, pero que, sobre todo, busca retratar perpetuacións do poder


Diego Corbalán (Magius), ilustrador, debuxante e guionista, no momento da entrevista, no festival Viñetas desde o Atlántico
Foto. Cedida

Infogauda / A Coruña 

 Diego Corbalán, coñecido artisticamente como Magius (Murcia, 1981), é ilustrador, debuxante e guionista. Iniciouse no mundo dos fanzines en 1998 e en 2001 participou no nacemento do fanzine Black Metal. Entre as súas obras destacan Murcia (Entrecomics Cómics, 2015), El método Gemini (Autsaider, 2018) e Primavera para Madrid (Autsaider, 2020), gañadora do Premio Nacional de Cómic 2021. A súa última obra é Black metal (Autsaider, 2025), baseada en sucesos ocorridos en Noruega a comezos dos anos noventa, con varios crimes e queimas de igrexas. 

A túa obra mestura realidade e ficción con temas intensos, quizais controvertidos. Que che atrae do tipo de historias que ti debuxas?

- O que me atrae son os círculos de poder, os grupos pechados que intentan conspirar, dalgún xeito, para acadar o poder e para conservalo. E a sociedade secreta, a política, todo ese tipo de cousas...

De feito, na túa obra hai moito de social e moito de político, non?

- Si, pero non tanto en plan reivindicativo, senón máis ben como reflexo do que é a política e a sociedade. Trátase, basicamente, de como determinar xente que parece respectable, pero utiliza a mentira e o asasinato, ou calquera tipo de crime, para superar perpetuacións do poder.

E, claro, iso é o que mesturas tamén nas túas obras, eses sucesos criminais dos que falas, como sucede co teu último libro, Black metal, non?

- Efectivamente.

É de supoñer que hai un intenso traballo de documentación detrás...

- Si, documéntome buscando por internet ou lendo libros, ou vendo películas ou documentais. O que faga falta, segundo a historia coa que queira reflectir a mafia. Por exemplo, á parte de películas de Scorsese, que me inspiraron e que tamén tentei copiar, utilizo documentación de sucesos reais, de novas, de documentais, de libros.

Sempre hai unha relación estreita entre o cómic e a música; como a definirías?

- O cómic é puramente visual e a música é puramente auditiva, pero relaciónanse.

A que te refires?

- Eu creo que ten que ver co feito de que moitas veces a música, as cancións, contan historias e serven para reflectir situacións complicadas da vida. Fano dun xeito, noutro formato, que o cinema, a literatura ou a televisión non permiten porque son formatos moi masivos. Con todo, o cómic e a música moitas veces funcionan en forma de nicho, de maneira independente, e permiten dicir certas cousas que os outros formatos non.

Es Premio Nacional de Cómic. Houbo un antes e un despois tras recibir ese galardón?

- Agora fanme máis caso, invítanme aos festivais. Tamén me deu acceso a poder seguir debuxando cómic.

E non te sentes máis presionado?

- É certo. Pero é a presión de que teño que seguir debuxando cómic e que teño que tentar que sexa máis ou menos do mesmo nivel. Mais non tanta presión editorial, porque a editorial é moi pequena. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario