O Pequeverán de Tomiño achega música, humor e tradición con Supercoroza
• Chegará este xoves, 10 de xullo, ás 19.30 h, á praza Pintor Antonio Fernández, de Goián, co seu espectáculo ‘Na eira e na lareira’
Infogauda / Tomiño
Unha tarde diferente, chea de sorrisos, historias e música agarda en Tomiño. O Pequeverán continúa esta semana regalando cultura ao aire libre cunha nova xoia de balde para todas as idades: a actuación do carismático Supercoroza co seu espectáculo ‘Na eira e na lareira’, que encherá de vida a praza Pintor Antonio Fernández, de Goián. este xoves, 10 de xullo, ás 19.30 horas.
Na súa eira máxica e arredor dunha lareira imaxinaria, Supercoroza, salvagarda da lingua galega, música, contos e tradicións, emprega o seu superpoder para rescatar o mellor do noso pasado e transmitilo dunha forma amena, divertida e participativa. O público poderá mergullarse nun espectáculo de teatro e música que reinventa as lendas e o saber popular galego a través do baile, da palabra e do canto, tal e como se facía de antigo.
“Este tipo de espectáculos son moito máis ca entretemento, son unha xanela que abre o noso presente ao pasado colectivo, axudando a que a lingua e as tradicións sigan vivas e sexan valoradas polas novas xeracións”, destaca a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, quen anima a toda a veciñanza a achegarse a Goián este xoves. Como subliñou a rexedora, “queremos que as nosas prazas sexan lugar de encontro, alegría e memoria compartida. O Pequeverán é unha aposta pola cultura accesible, pola nosa identidade e polo pracer de desfrutar xuntas e xuntos do noso”.
No espectáculo tamén haberá espazo para reflexionar sobre a importancia do galego como vehículo fundamental que permitiu transmitir contos, cancións e todo un calendario de vida de xeración en xeración. Así, “Na eira e na lareira” ofrecerá unha experiencia única que une o pasado co presente, facendo da lingua e da cultura galega un auténtico superpoder para seguir construíndo futuro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario