8 de xul. de 2025

TOMIÑO

Tomiño realizou 500 doazóns de sangue en 2024  

•  A praza do Seixo acolleu unha nova xornada da campaña da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue, que busca garantir as reservas para este verán e axudar a milleiros de doentes nos hospitais galegos  


A alcaldesa de Tomiño - 1ª pola esq. - a carón da unidade móbil de ADOS que estivo situada durante a xornada de hoxe na praza do Seixo
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 Onda de solidariedade en Tomiño. O municipio continúa demostrando o seu firme compromiso coa saúde de toda a sociedade ao sumarse un ano máis á campaña especial de verán “Non esquezas doar antes de veranear”, impulsada pola Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS). 

 A unidade móbil de ADOS estivo situada durante a xornada de hoxe na praza do Seixo para facilitar que a veciñanza puidese facer a súa doazón antes de iniciar as vacacións, nun momento do ano especialmente crítico para manter as reservas nos hospitais galegos. Esta iniciativa, que se estenderá a 220 concellos de toda Galicia durante o verán, busca acadar as 27.000 doazóns necesarias para garantir o tratamento de milleiros de doentes. 

 No pasado ano 2024, Tomiño conseguiu acadar as 500 doazóns de sangue, cunha taxa de 36 doazóns por cada 1.000 habitantes, situándose como exemplo de solidariedade e conciencia social. Uns datos que reflicten a implicación e xenerosidade dos veciños e veciñas tomiñesas. 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, quixo destacar o orgullo que supón para o municipio contar cunha veciñanza tan comprometida: “Cada doazón é un xesto que pode salvar ata tres vidas. Dende o Concello queremos agradecer e animar a toda a cidadanía a seguir doando, non só no verán senón durante todo o ano, para que nunca falte sangue nos hospitais galegos”. 

 Desde ADOS tamén trasladaron o seu agradecemento ao Concello pola colaboración e apoio á campaña, esencial para sensibilizar e mobilizar tanto ás persoas doadoras habituais como a aquelas que aínda non se decidiron a dar este paso tan importante. Dende a Axencia lembran que nestes intres están en nivel de alerta ante a falta de doazóns do grupo A+ e que están baixas as reservas dos grupos A-, 0+ e B+, polo que convida a toda a veciñanza a doar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario