18 de xul. de 2025

TOMIÑO

Arte nas rúas de Tomiño e Cerveira co XIII Certame de Pintura ao aire libre Antonio Fernández 

 Celebrarase o 17 de agosto organizado pola Eurocidade Cerveira-Tomiño coa colaboración da Fundação Bienal de Arte de Cerveira e da Comunidade de Montes de Goián 




Infogauda / Tomiño

 Arte polos catro costados na Eurocidade. As rúas de Tomiño e Cerveira volverán encherse o vindeiro 17 de agosto de cabaletes, lenzos e artistas co XIII Certame de Pintura ao Aire Libre Antonio Fernández, organizado pola Eurocidade Cerveira-Tomiño coa colaboración da Fundação Bienal de Arte de Cerveira e da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Goián. O concurso chega á súa décimo terceira edición co obxectivo de seguir achegando ás e aos amantes da pintura á con-torna para que recollan en vivo e en directo as paisaxes ou o acontecer dos distintos puntos marcados nos percorridos a ambas beiras do Miño. 

 As persoas interesadas poden inscribirse xa de forma gratuíta ata as 14.00 h (hora galega) do 13 de agosto a través da páxina web da Eurocidade Cerveira-Tomiño. A inscrición será por rigorosa orde de rexistro e unicamente en liña, non se permitirán inscricións presenciais o día do propio concurso. As persoas participantes deberán presentarse o día do certame entre as 09.30 e as 11.30 horas (08.30 e 10.30 horas de Portugal) na Aula Museo Antonio Fernández para que a organización sele e numere o soporte que se empregará para a elaboración do cadro. 

 As obras rematadas serán presentadas sen asinar e co título no reverso, xunto co cabalete, para a súa exposición na praza Pintor Antonio Fernández entre as 17.00 e 18.00 horas, hora galega, para a súa cualificación por parte do xurado, que emitirá o seu fallo co nome dos gañadores ás 18.30 h, ás 17.30 h hora portuguesa. En total repartiranse máis de 2.650 euros en premios nas tres categorías participantes: infantil, ata 11 anos; xuvenil, de 12 a 17 anos; e persoas adultas. Os premios serán outorgados polo Concello de Tomiño, a Fundaçao Bienal de Arte de Cerveira e a Comunidade de Montes de Goián. 

 As bases completas poden consultarse na páxina web da Eurocidade Cerveira-Tomiño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario