31 de xul. de 2025

PONTEVEDRA

Luis López confirma unha mobilización de máis de 4,2 millóns de euros para instalar paneis fotovoltaicos en 38 concellos da provincia 

  Destes recursos, 2,42 M€ proveñen de fondos europeos, preto dun millón da institución provincial e 900.000 € dos concellos. 

“O traballo conxunto dos concellos e da Deputación situounos como a administración local que máis recursos europeos recibiu para impulsar actuacións en materia de eficiencia enerxética”, remarcou o presidente 


Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra, confirma o investimento de máis de 4,2 millóns de euros para instalar paneis fotovoltaicos en 38 concellos da provincia trala aprobación en Xunta de Goberno de cinco proxectos para impulsar esta actuación. Destes recursos, 2,42 millóns de euros proveñen de fondos europeos, preto dun millón da Deputación e máis de 900.000 euros dos concellos. Neste eido, o presidente remarcou que "o traballo conxunto dos concellos e da Deputación situounos como a administración local que máis recursos europeos recibiu para impulsar actuacións en materia de eficiencia enerxética".  

 Luis López subliñou que "seguimos avanzando na construción dunha provincia máis eficiente, impulsando proxectos como estes, que reducen as emisións de CO2 e permiten un aforro estimado anual de 663.000 euros para os concellos". Neste eido recordou que se tratan de cinco proxectos: Concellos +Renovables I e II e Concellos Reto Demográfico +Renovables I, II e III, que beneficiarán a un total de 38 concellos da provincia.  

 Deste xeito, Concellos +Renovables I está dotado con preto de 796.000 euros e beneficiará a Poio, O Porriño, Mos, Soutomaior, Ponteareas, Tui e Marín; e Concellos +Renovables II, cun rozamento de 682.000 €, centrarase en Cambados, Moaña, Baiona, Nigrán, A Guarda e Vilaboa. Pola súa banda, Concellos Reto Demográfico +Renovables I conta cun orzamento de máis de 884.000 euros para Pazos de Borbén, Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas, A Lama, Crecente, Vilanova de Arousa, Arbo e Valga; Concellos Reto Demográfico +Renovables II con preto de 987.000 euros para Moraña, Portas, Ribadumia, Covelo, Vila de Cruces, A Illa de Arousa, Caldas de Reis, Campo Lameiro e As Neves; e Concellos Reto Demográfico +Renovables III con máis de 909.000 euros para Mondariz, Mondariz-Balneario, Silleda, A Cañiza, Fornelos de Montes, Dozón, Bueu e Sanxenxo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario