4 de ago. de 2025

A GUARDA

CARLOS MIGUEL RODRÍGUEZ (EX BOXEADOR, TRECE VECES CAMPIÓN DE ESPAÑA E PREGOEIRO DAS FESTAS DO MONTE SANTA TREGA, 2025: «LEVO Á GUARDA DENTRO DENDE QUE TEÑO USO DE RAZÓN»


Carlos Miguel Rodríguez pronunciando o pregón das Festas do Monte Santa Trega, 2025
Fotos: Infogauda

Momento no que o alcalde e o concelleiro de Cultura e Deportes lle fixeron entrega dun agasallo a Carlos Miguel Rodríguez


 Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Precedido da intervención do concelleiro de Cultura e Deportes, Celso Rodríguez Fariñas, quen deu á benvida a Carlos Miguel Rodríguez, e salientou o vencello deste púxil coa vila de A Guarda, onde a día de hoxe ainda existen moitos familiares seus - como Os Cereghas -, relembrando que ainda que este ex boxeador, naceu en Vigo, é oriundo de A Guarda, dado que deste concello era orixinaria súa nai. A xeito de resumo do brillante palmarés deportivo de Carlos Miguel, o concelleiro dixo que deixou de practicar o boxeo logo de ser campión de España en máis dunha decena de ocasións.

 Seguidamente deu paso a Manuel Castro Vicente, membro da Comisión de Festas, 2025.

 Manuel Castro espricou que, debido as características da Alameda, e dado que este ano veñen orquestas - como Gran Parada, Combo Dominicano,... - cuxos palcos non poden instalarse nese recinto, fíxose necesario, co permiso do Concello de A Guarda, optar por ubicar os escenarios no espazo coñecido como a finca de Fínola. 

 Castro Vicente referíu que algunhas persoas expresan súas opinións críticas nas redes sociais, pero deberan ter en conta que se queremos ter orquestas como as mencionadas, faise necesario que o Concello de A Guarda acondicione a referida finca para eventos como as Festas do Monte.

 A continuación, fixo uso da palabra, o alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, quen deu á benvida a todas ás persoas que se achegaron ata á praza do Reló, agradecendo tamén á asistencia de varios membros da corporación municipal, así como os turistas que visitan o noso concello para pasar eiquí súas vacacións.

 Finalmente, cedeulle a palabra a Carlos Miguel Rodríguez, ex boxeador e varias veces campíón de España nas categorías súper pluma e peso lixeiro.

 Carlos Miguel dirixiuse a audiencia presente, decindo: 

 «Boas tardes veciños e veciñas da Guarda, e a toda esa xente que ven de fora pero que xa é da casa cando pisa esta vila.  

 Levo á Guarda dentro dende que teño uso de razón. Recordo aqueles veráns na casa da miña avoa no Pirún. Máis adiante na casa do meu tío Tolín compartindo días inesquecibles con todos os meus primos.

 Lembro tamén aquelas Festas do Monte, subir coas bandas, rir, cantar, comer e beber,... Non faltaba empada e viño tinto...

 E toda esa alegría que contaxiaba ata o máis serio da vila...

 E despois á baixada, o Montiño, pra rematar o día co que tiñamos enriba e o que levabamos dentro: ledicia, familia e algún que outro trago de viño, por dentro e por fóra.

 Co tempo fun medrando e metinme no mundo do Boxeo chegando a ser campión de España en 13 ocasións. Viaxei por España e polo estranxeiro, pelexando en lugares con luces, cámaras e moita xente.

 Pero sabedes cál era o sitio onde máis a gusto loitaba?

 Aquí, no antigo campo de fútbol Santa Tecla. Aí sentiame na casa, co alento desta vila empuxando cada golpe.

 E agora que volven as Festas, que soa o bombo, que as bandas quentan motores e que o viño xa está frío. 

 Non hai excusas! Subide ao Monte. Berrade. Cantade. E sobre todo sentide.

 Porque estas Festas non se explican. Vívense como se vive á Guarda: con orgullo, con alma, con salitre e cunha pinga de tolemia ben entendida.

 Así que...

 Viva Santa Tecla!

 Viva ó Monte!

 E viva toda á Guarda».

 As verbas de Carlos Miguel - expresadas íntegramente en galego - foron acollidas con moita atención por parte das persoas asistentes e premiadas con merecidos aprausos.

 Finalmente, o alcalde de A Guarda e o concelleiro de Cultura e Deportes, en nome do Concello e da Comisión de Festas do Monte, 2025, fixéronlle entrega a Carlos Miguel dunha figura de porcelana Galos, representando un bailarín galego bailando unha muiñeira.

 Non podemos - nin queremos - concluir esta crónica sen decir que botamos en falla que por parte da Comisión de Festas, 2025 ou do Concello de A Guarda - e se cadra de Comisión e Concello -, non se houbese ambientado e animado cunha actuación previa dun grupo de música tradicional, o momento e o lugar do pregón. 

 Con todo, como preveíamos Carlos Miguel Rodríguez estivo sempre moi próximo e sen ningún tipo de protagonismo. El é así, un ser humano entrañable. Un verdadeiro campíón. Non soio dentro do cuadrilátero ao longo de moitos anos. Tamén fóra a día de hoxe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario