A Xunta realiza labores de conservación en varios tramos fluviais que suman preto de 2 quilómetros no concello pontevedrés de Oia
• As tarefas que realiza Augas de Galicia prolongaranse durante arredor de cinco semanas e inclúen a retirada tanto de árbores caídas como de biomasa das canles fluviais para evitar atoamentos
Infogauda / Oia
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e mantemento en tramos dos ríos Oia, Viladesuso e Mougás, que suman preto de 2 quilómetros no concello pontevedrés de Oia.
As tarefas, que se prolongarán durante cinco semanas, consisten na retirada de árbores caídas e biomasa presente na canle fluvial para evitar atoamentos, así como na roza puntual e selectiva das zonas de acceso ás canles.
Os traballos, xa comunicados ao concello, realizaranse mediante a aplicación de ferramentas manuais, o uso de motoserras e rozadoiras co apoio doutra maquinaria de maiores dimensións, como unha carretilla de carga e un camión.
As actuacións céntrase en máis de 1,1 quilómetros do río Viladesuso ao seu paso pola parroquia de San Miguel de Viladesuso; en 520 metros do río Mougás, na parroquia de Santa Uxía de Mougás; e en algo máis de 200 metros do río Oia (Lavandeira), tamén na parroquia de Santa María de Oia.
Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo hidráulico dependente do Executivo galego, estes tramos fluviais quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das augas.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección. Neste caso trátase ademais do mantemento de zonas catalogadas como de alto risco potencial significativo de inundación (Arpsi).
O fin último dos traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario