Veciñanza e empresas rosaleiras fórmanse para acceder a axudas para proxectos de eficiencia enerxética
• A Oficina da Enerxía do Rosal reuniu ás e aos participantes nunha xornada práctica coa que facer vivendas e negocios máis eficientes
Infogauda / O Rosal
No Rosal hai cada vez máis persoas dispostas a construír un futuro sostible. Así o demostrou a sesión formativa organizada pola Oficina da Enerxía, que reuniu a veciños, veciñas e empresas interesadas en aprender como acceder ás axudas dispoñibles para acometer proxectos e obras de mellora da eficiencia enerxética en vivendas e negocios rosaleiros.
Baixo o título ‘Como acceder e xestionar axudas para proxectos enerxéticos’, o encontro achegou a veciñanza, pemes, empresas do sector da construción e instalación, estudos de arquitecturas, asesorías, enxeñarías e persoas promotoras de comunidades enerxéticas ás claves para beneficiarse de liñas de financiamento como as axudas NextGenerationEu, INEGA ou IDAE.
O obxectivo principal era servir de apoio a aqueles veciños e veciñas e entidades que estean valorando ou proxecten levar a cabo actuacións como a substitución de fiestras, o illamento de fachadas e cubertas ou a instalación de sistemas de calefacción renovable, aforrando na factura da enerxía ao tempo que se reduce o impacto ambiental.
A formación foi impartida por Francisco Prol Hermida, director técnico de FLINQ Consultoría e especialista en eficiencia enerxética, que explicou con exemplos prácticos como tramitar estas axudas, que documentación é precisa, que erros se deben evitar, como combinar diferentes subvencións ou que ferramentas dixitais empregar para facilitar todo o proceso. Ao remate, as persoas asistentes puideron expoñer as súas dúbidas e recibir unha orientación directa e personalizada.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, salientou que “é fundamental que ninguén quede atrás nesta transformación. Queremos que tanto a veciñanza como as pequenas empresas poidan aproveitar estas oportunidades para mellorar os seus fogares e negocios e aforrar na factura da luz, contribuíndo ao mesmo tempo a reducir a dependencia de combustibles fósiles e a mitigar o cambio climático”.
As actividades da Oficina da Enerxía están cofinanciadas con fondos da Unión Europea – NextGenerationEU, dentro do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico.
Para máis información, pódese contactar coa Oficina da Enerxía do Rosal a través do teléfono 677 73 73 21 ou do correo electrónico oficina@enerxia.eu.
Ningún comentario:
Publicar un comentario