22 de xul. de 2025

O ROSAL

O Rosal despediu a súa Feira do Viño máis familiar, sostible, segura e participativa, cun éxito rotundo de ambiente e asistencia 

  A praza do Calvario acolleu durante tres días a milleiros de persoas nun ambiente cheo de cultura, sabor e comunidade 

  A alcaldesa Ánxela Fernández Callís destaca “o orgullo de facer do Rosal un lugar onde brindar pola vida con viño, pero tamén con futuro” 

  As familias, protagonistas dunha edición que reforzou o transporte público, o uso de vasos reutilizables e a programación interxeracional 


Vista parcial da praza do Calvario na XXXIII Feira do Viño do Rosal
Fotos: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 Durante tres días, O Rosal volveu demostrar que o viño pode ser moito máis ca unha bebida: pode ser identidade, encontro, alegría compartida. A XXXIII Feira do Viño, celebrada do 18 ao 20 de xullo, pechou cun balance extraordinario tanto en participación como en ambiente. A praza do Calvario converteuse no mellor refuxio para centos de familias que gozaron dun programa pensado para todos os públicos e todas as idades. “Este ano sentiuse algo especial: esa calor humana que só se dá cando un pobo goza unido. Foi unha feira viva, orgullosa, segura  e sostible”, resume a alcaldesa Ánxela Fernández Callís, visiblemente emocionada e agradecida polo traballo de todo o equipo e da veciñanza. 


Concerto e público baixo a carpa

 O tempo acompañou con temperaturas moderadas e ceo cuberto que axudou a estirar as horas de feira durante o día. Nin sequera a choiva do sábado á tardiña impediu que o público permanecese gozando do concerto baixo a carpa. A aposta pola sostibilidade deu un salto adiante este ano grazas a presenza de vasos reutilizables, puntos de auga e actividades de sensibilización ambiental, cun posto de xogos de reciclaxe e de compostaxe, que converten á feira nun exemplo de evento con conciencia ambiental. Ademais, contouse con servizo de seguridade especial coas forzas de Policía Local e Protección Civil do Rosal, Garda Civil e reforzouse o servizo de autobuses para que todas as persoas gozaran dunha festa máis segura. 

 A programación foi tan diversa como completa. O venres inaugurouse cun emotivo pregón a cargo de Ziyang Zhang, asesor vitivinícola da Embaixada de China, quen afirmou: “Vengo de un país donde el té es arte, pero he descubierto que en Galicia, y especialmente en O Rosal, el vino también es poesía”. 

 Ás catas profesionais e as actividades divulgativas sumáronselle as propostas musicais para todos os gustos: La Patrulla, Os Bregadiers, Meigallo, Famous Corner ou Andhrea and the Black Cats, ademais dos pasacalles e espectáculos infantís como “O tranvía Leonardo” ou “Pepiña Maruxiña quere voar”. Tamén houbo espazo para o patrimonio, con visitas guiadas ao retablo da igrexa e ao Museo do Cabaqueiro, e para a creatividade, co xogo de escape “Segredos entre barricas” e as exposicións de Luis Alberto Franco Lomba, Ramón González González e o Grupo Filatélico do Rosal. 

 Outro dos momentos máis especiais da fin de semana foi o nomeamento dos Cabaqueiros e Confrades de Honra, no que o homenaxeado Alfonso Dorado Senra recibiu a sorpresa entre aplausos e afecto colectivo. Con ese mesmo sentimento pechouse a feira: cun sorriso compartido e un brinde que non só celebra o viño, senón todo o que representa. Porque, como dixo o propio Ziyang Zhang: “Cando un viño do Rosal chega a unha copa en Shanghái ou en Pekín, non só se brinda polo seu sabor: bríndase por Galicia enteira”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario