BALONMÁN FEMININO
O Mecalia Atlético Guardés xogará na EHF European Cup
• O equipo miñoto volve a Europa no marco da terceira competición máis importante, ao ter rexeitado por motivos deportivos e, sobre todo, económicos, a praza na EHF European League que lle correspondía como campión da liga regular 2024/2025
• Dos catro equipos españois que competirán neste certame, o Guardés é o único que comezará na terceira rolda grazas a méritos propios. O sorteo que revelará o seu primeiro rival celebrarase o 7 de outubro
• Tras unha tempada de parón, o vindeiro curso suporá a duodécima participación do Mecalia na competición continental nos últimos 13 anos, e devolverá o nome da Guarda e o seu balonmán a Europa con todo o esforzo económico e traballo que implica. Por todo iso, o Club segue a pedir apoios a institucións e patrocinadores
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés volve a Europa da man da EHF European Cup. Aínda que o título de campión da liga regular española na pasada tempada dáballe dereito a unha praza na EHF European League, o equipo miñoto solicitou finalmente participar na competición inmediatamente inferior por motivos tanto deportivos como económicos. A comezos desta semana confirmábase este cambio pedido pola directiva guardesa, que buscou priorizar a presenza do equipo en Europa por duodécima ocasión na súa historia malia as numerosas dificultades e retos que comporta para un club pequeno.
Así, o Mecalia estará na terceira competición a nivel europeo, na que tamén militarán os equipos españois Replasa Beti-Onak (subcampión Copa de la Reina), Costa del Sol Málaga (subcampión liga regular) e Atticgo Balonmano Elche (convidado). Dos catro, o conxunto guardés é o único que estará exento das dúas primeiras roldas do torneo e incorporarase na terceira, un feito que se debe aos seus méritos deportivos propios e que supón unha significativa vantaxe con respecto aos seus compatriotas.
Na terceira rolda competirán os 25 equipos gañadores da segunda e outros sete, contando ao Guardés, que accederán directamente a ela debido á súa posición en cadansúas ligas nacionais. O sorteo para determinar os emparellamentos realizarase o 7 de outubro, e ambos partidos de ida e volta deberán xogarse entre o 8 e o 16 de novembro. Finalmente, restarán outras catro fases para definir ao gañador da Copa (e sen que se incorporen xa novos equipos): oitavos ou Last 16, cuartos, semifinais e final, celebrándose esta última en maio.
Así, a vindeira tempada 2025/2026 suporá a décimo segunda participación do Mecalia Atlético Guardés nunha competición europea nos últimos 13 anos, tendo faltado á cita soamente a pasada tempada. A xunta directiva do Club quixo priorizar este feito malia tódalas dificultades, coma as que precisamente o levaron a renunciar á praza na segunda competición que orixinalmente lle correspondía. O alto nivel competitivo, xunto co moito maior desembolso económico que supón participar na EHF European League, fixeron que o Guardés poña tódalas súas enerxías na Copa europea, que, aínda que de menor categoría, lle permitirá seguir levando os nomes da Guarda, Galicia, España e os seus balonmáns ao máis alto do deporte no vello continente.
E é que precisamente a participación a este nivel dun equipo humilde coma o Guardés leva consigo moitos retos. É por todo iso que o Club continúa a buscar novos apoios institucionais e privados, pois, pese a participar nunha competición adicional con respecto ao curso pasado, non ten previsto que aumenten as cantidades percibidas en concepto de subvencións e patrocinios. Con todo iso, o Mecalia apostou por ser o único equipo galego no máis alto do balonmán europeo o vindeiro curso, representando a unha vila de apenas 10.000 habitantes e podendo atoparse de fronte a equipos de grandes cidades europeas. Todo un esforzo e fazaña que o Club pide que se poña en valor e polo que chama ao apoio popular, empresarial e institucional para poder manter o tipo un ano máis.
Ningún comentario:
Publicar un comentario