A Xunta de Galicia colabora co concello de Baiona na mellora da mobilidade no edificio consistorial
• A delegada territorial da Xunta, Ana Ortiz, e o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, inauguraron o novo elevador e a Oficina de Atención Cidadá
Infogauda / Baiona
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, inauguraron este venres o novo elevador da casa consistorial que mellora a mobilidade no interior das instalacións municipais. Ademais, a representante autonómica tamén participou na apertura da nova Oficina de Atención Cidadá.
Segundo explicou a delegada da Xunta, o Concello de Baiona recibiu unha axuda de 40.000 euros por parte da Dirección Xeral de Administración Local, dependente da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, para a construción do ascensor. “Estamos ante un investimento necesario para facilitar a mobilidade da veciñanza e dos propios traballadores dentro do edificio”, indicou.
Pola súa banda, o alcalde indicou que a necesidade de dita actuación “está plenamente xustificada debido a que a casa consistorial do concello, un edificio senlleiro do Conxunto Histórico Artístico de Baiona non ten accesibilidade a persoal con algún tipo de discapacidade ou mobilidade reducida”. Así, Almuiña indicou que tratándose da sede principal do concello de Baiona o número de persoas que se dirixen a el o longo do ano para a realización das diferentes tramitacións administrativas importa un volume estimado de 15.000 persoas o ano, parte das cales teñen discapacidad funcional ou son persoas con mobilidade reducida.
A posición do elevador, unindo as plantas baixa, primeira e baixocuberta, garante os maior niveis de accesibilidade posibles, xa que conta cun itinerario accesible desde a vía pública, e comunícase co patio central nas plantas baixa e primeira, núcleo vertebrador das comunicacións.
Ademais, en planta baixocuberta comunica coa zona de circulación. Dado que o edificio conta con protección patrimonial, instalouse un ascensor de dimensións reducidas, co tamaño de cabina accesible máis pequeno, así como con foso reducido e con fuxida reducida.
Ningún comentario:
Publicar un comentario