Os verdadeiros prescriptores da saúde recomiendan consumir “todo o pescado posible”
• A XI edición das Xornadas Internacionais de Pesca sobre Grandes Migradores celebrouse esta mañá na Guarda coa participación de destacadas voces do ámbito sanitario e científico, que reivindicaron o peixe como alimento esencial para a saúde pública e reclamaron revisar os falsos mitos que aínda persisten sobre o seu consumo.
• Rosaura Leis, catedrática de Pediatría e presidenta da Fundación Española de Nutrición, lanzou unha mensaxe clara de alerta: “Os nosos fillos van vivir menos ca os seus pais e os seus avós, e iso débese en boa parte á dieta”
“Se o peixe ten mercurio, tamén ten o antídoto: o selenio”. Con esta afirmación, o cardiólogo Guillermo Aldama desmontaba esta mañá un dos grandes mitos que aínda pesan sobre o consumo de peixe. Fíxoo na XI edición das Xornadas Internacionais de Pesca sobre Grandes Migradores organizadas por ORPAGU na Guarda, un encontro que nesta ocasión puxo o foco no peixe como fonte de saúde e cultura gastronómica.
Aldama, membro da Sociedade Española de Cardioloxía, pediu revisar os criterios actuais e advertiu de que recomendacións como as restricións polo mercurio se basean en datos desactualizados: “The Lancet xa sinalou en 2007 a necesidade de revisar esas directrices. O peixe non só non prexudica o desenvolvemento cognitivo: é esencial para a saúde cardiovascular, cerebral e global”.
Tamén Rosaura Leis, catedrática de Pediatría e presidenta da Fundación Española de Nutrición, lanzou unha mensaxe clara de alerta: “Os nosos fillos van vivir menos ca os seus pais e os seus avós, e iso débese en boa parte á dieta”. Leis defendeu a Dieta Atlántica como un modelo nutricional “saudable, sostible e identitario” e salientou o seu baixo impacto ambiental: “É a dieta con menor pegada de carbono e con maior esperanza de vida”.
Ambos os dous expertos —auténticos prescritores de saúde pública— coincidiron en sinalar o peixe espada como unha das especies máis inxustamente prexudicadas pola desinformación, a pesar de tratarse dun peixe nutritivo, accesible e cunha excelente relación calidade-prezo.
Durante a inauguración da xornada, o alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez; a directora xeral de Ordenación Pesqueira, Aurora de Blas; e o presidente de ORPAGU, Joaquín Cadilla —quen interveu por vídeo desde o Pacífico— subliñaron a necesidade de achegar á sociedade a realidade do sector e os beneficios contrastados do peixe.
No segundo bloque, o asesor xurídico de Interfish, Gabriel Ocaña, anunciou o lanzamento da nova edición da campaña promocional “Pescadores Protectores”, a primeira que contará con achegas directas dos propios armadores e que se desenvolverá integramente en medios galegos. Un paso adiante no compromiso do propio sector coa promoción do produto e coa recuperación do consumo. Trátase da primeira vez que unha organización pesqueira aposta pola colaboración público-privada para financiar unha campaña deste tipo.
Pola súa parte, o director xeral de Pesca e Acuicultura da Consellería do Mar, Cándido Rial, destacou a trazabilidade e o compromiso de organizacións como ORPAGU “en todo o percorrido, desde o mar ata o prato”. Rial reivindicou tamén medidas de incentivo como o Bono Peixe que vén de impulsar a Xunta de Galicia para fomentar o consumo destes produtos.
A terceira parte da xornada puxo o acento na dimensión cultural e gastronómica do peixe. A intervención de Zaira Rodríguez, autora do Corpus Culinario do Peixe Espada e a Tintorera, foi un percorrido pola memoria, o territorio e o saber popular a través da cociña.
A clausura correu a cargo de Juana Parada, xerente de ORPAGU, quen fixo balance de todo o abordado durante a mañá: desde os beneficios nutricionais e sanitarios do peixe ata os retos para recuperar o seu valor no mercado e na cultura alimentaria. Pero tampouco quixo obviar unha advertencia dirixida ás institucións comunitarias: “Non podemos falar de promoción do consumo e de apoio ao sector mentres se está a expor un recorte de ata o 62 % dos fondos europeos destinados á pesca. Sería un golpe demoledor para moitas das iniciativas que hoxe defendemos aquí”.
A cita concluíu cunha degustación de produto capturado pola frota de ORPAGU. Un día completo de reflexión colectiva e mensaxe unánime: o peixe é saúde, é cultura e é futuro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario