A EMPRESA PÚBLICA CORREOS DEIXA O PORTO PESQUEIRO DE VIGO SEN SERVIZO
• A cidade perde un servizo público que foi esencial en pandemia nun dos centros económicos de maior relevancia
Infogauda / Vigo
A CIG-Correos denuncia o abandono no que a S.E. Correos e Telégrafos S.A.E. deixa a un sector tan importante como o porto pesqueiro de Vigo, xa que a empresa pública decidiu de maneira unilateral non renovar a concesión do local no que lle prestaba servizo a todo o tecido empresarial do porto. Isto aboca a estas empresas a dirixirse a outras oficinas da cidade, dificultando así unha canle directa tanto coa administración como para a realización doutras xestións comerciais.
Entendemos que existe unha clara contradición entre o discurso da empresa e do Goberno español e os feitos, xa que mentres sinalan a importante labor que Correos debe realizar como canle para achegar a Administración á cidadanía, a empresa pecha a oficina que ate hai uns días daba servizo no porto. Unha decisión se cabe moito máis grave neste caso xa que afecta ao tecido empresarial, concretamente ao principal porto pesqueiro de Europa.
Por outra parte, resulta un escándalo que mentres Correos vive unha situación sumamente delicada economicamente, como consecuencia da baixada do produto postal e da nefasta xestión dos responsables da empresa, no canto de manter o servizo nun polo económico tan importante como o porto pesqueiro de Vigo o que fai a empresa é pechar o servizo. Dende a CIG convidamos o Concello de Vigo e a Administración portuaria a dar a batalla para non perder o servizo para as empresas da cidade.
É importante non ter a memoria lixeira. Correos foi declarado servizo esencial durante a covid-19, e segundo sinalara no seu momento o presidente do Goberno a pandemia puxera de manifesto a necesidade de reforzar os servizos públicos, mais neste caso procédese a debilitalos. Un feito reprochable tendo en conta que se acaba de recoñecer a Correos como servidor de servizos de interese económico xeral.
Esta decisión unilateral da empresa é unha mostra máis da irresponsabilidade da súa dirección e de quen a nomea, pois o que o que fai é incidir nas causas que teñen feito para que Correos estea a ser sancionada unha e outra vez por non cumprir os parámetros de calidade do servizo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario