9 de xuño de 2025

PONTEVEDRA

Campaña da Renda 2024 

A Axencia Tributaria devolveu xa máis de 100 millóns de euros a 160.000 contribuíntes da provincia na campaña do IRPF  

O subdelegado do Goberno en Pontevedra valora a madurez da cidadanía, “que está moi por enriba de certa política”, e que entende o valor dos impostos como garantes do estado do benestar 


O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, repasou esta mañá a marcha da campaña do Imposto da Renda das Persoas Físicas (IRPF) xunto co delegado provincial da Axencia Estatal de Administración Tributaria en Pontevedra, Daniel Gómez

Foto: S. do G.

Infogauda / Pontevedra

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, repasou esta mañá a marcha da campaña do Imposto da Renda das Persoas Físicas (IRPF) xunto co delegado provincial da Axencia Estatal de Administración Tributaria en Pontevedra, Daniel Gómez. A comezos deste mes de xuño, a Axencia Tributaria xa tiña abonado nesta provincia a devolución 100,6 millóns de euros a un total de 158.783 contribuíntes. A esta data están abonadas xa o 72,6% das solicitudes de devolución realizadas e o 57,7% dos importes das devolucións solicitadas. 

 Abel Losada explicou que a cidadanía da provincia de Pontevedra, ao igual que a de toda España, conforma “unha sociedade madura, moi por enriba do nivel de certa política que se dedica a demonizar os impostos e a facer trampas ofertando rebaixas que, na práctica, benefician aos de sempre”. “A cidadanía - engadiu Losada - entende que en democracia e nun país avanzado como España, os impostos son os garantes do estado de benestar, que é o mesmo que a igualdade”. 

Case 300.000 declaracións presentadas na provincia 

 Segundo os datos da Axencia Tributaria téñense presentado, a data do pasado 2 de xuño, un total de 294.230 declaracións na provincia (218.686 con resultado a devolver), o que supón un lixeiro aumento do 0,2% con respecto á mesma data do ano anterior. Por delegacións provinciais, na de Pontevedra entraron 170.714 declaracións (124.449 con solicitude de devolución) e na de Vigo, 123.518 declaracións (94.237 con resultado a devolver). 

 O importe da devolución solicitada na delegación de Pontevedra é de case 96 millóns de euros, mentres que en Vigo foi de 78,3 millóns de euros, para un total provincial de 174,3 millóns de euros. Destas solicitudes, na Delegación de Pontevedra xa se teñen devolto máis de 54,5 millóns de euros, mentres que en Vigo os contribuíntes xa viron ingresados nas súas contas correntes outros 46,1 millóns de euros para completar así o total dos 100,6 millóns da provincia. 

 A Axencia Tributaria presta o servizo de confección e presentación das Declaracións ata o 30 de xuño e a cita previa está aberta ata o día 27. Pode pedirse por Internet, a través da app “Agencia Tributaria” ou por teléfono nas modalidades de atención automática ou presencial. 

 Na provincia de Pontevedra o servizo préstase en:  

Administración A Estrada 

Avenida Benito Vigo, 51. 36680, A Estrada.  

Administración Ponteareas: 

Avenida de Galicia s/nº 36860, Ponteareas.  

Administración Tui: 

Praza San Fernando, 2. 36700, Tui.  

Administración Vilagarcía de Arousa:

Rúa Elpidio Villaverde, 3 36600, Vilagarcía de Arousa  

Delegación Vigo: 

Rúa Lalín, 2. 36209, Vigo.  

Delegación Pontevedra: 

Avenida María Victoria Moreno, 45 36003, Pontevedra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario