17 de xuño de 2025

TOMIÑO

As sobreiras de San Roque medran en valor  

•  O Concello capta unha subvención de máis de 2.200 euros para protexer e dar a coñecer esta formación senlleira única, con máis de 250 anos de historia  


As sobreiras de San Roque, localizadas na parroquia de Goián, constitúen unha formación de 14 exemplares distribuídos en catro grupos ao longo do adro da capela de San Roque
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño 

 As sobreiras de San Roque, falan de séculos de vida, cultura e memoria colectiva. O Concello de Tomiño vén de captar novos fondos para seguir protexendo e poñendo en valor esta xoia natural, incluída no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia no ano 2023, un rexistro público dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no que figuran aquelas árbores e formacións que merecen unha protección especial, en atención ás súas características singulares ou excepcionais.  

 Esta subvención da Consellería de Medio Ambiente e Cambio climático permitirá realizar actuacións clave, como un estudo fitopatolóxico e estrutural das árbores, levar a cabo a instalación dun panel interpretativo e realizar actividades de divulgación abertas ao público, como un roteiro polas árbores senlleiras de Tomiño, que permitiu descubrir este espazo natural dende unha perspectiva ambiental, histórica e patrimonial. 

 Como explica a alcaldesa de Tomiño, “a protección do noso patrimonio natural non é unha acción puntual, senón unha liña estratéxica do Goberno local. As sobreiras de San Roque son un símbolo vivo do que somos: natureza, historia e identidade. Dende o Concello continuaremos traballando para conservar, divulgar e poñer en valor espazos únicos como este, que nos conectan co noso pasado e nos marcan o camiño cara a un futuro máis sostible”.  

 As sobreiras de San Roque, localizadas na parroquia de Goián, constitúen unha formación de 14 exemplares distribuídos en catro grupos ao longo do adro da capela de San Roque, sobre unha superficie duns 2.300 m². Con alturas que superan os 18 metros e idades estimadas de máis de 250 anos, o recoñecemento desta formación como senlleiras foi posible grazas ao intenso traballo de catalogación realizado en 2016 e 2017 para a publicación dun libro municipal sobre o patrimonio natural no que se recollen 116 árbores ou pequenos grupos de árbores e 9 formacións de 40 especies. 

 “Falamos dunha formación de enorme valor ecolóxico, pero tamén emocional e histórico”, subliñou a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro. “Este conxunto arbóreo forma parte do imaxinario colectivo da parroquia e mesmo foi inmortalizado polo pintor tomiñés Antonio Fernández na década dos 40. Coas accións previstas queremos que tanto a veciñanza como as e os visitantes poidan coñecer mellor este espazo, sentir orgullo e participar na súa conservación”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario