O colexio San José, de A Guarda, recibe o 2º Premio Nacional de Endesa Educa
• Os alumnos de 3º e 4º de Educación Primaria recibiron, da man de divulgadores científicos de Endesa Educa, un diploma acreditativo dese concurso
Fotos: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
O colexio San José recibiu esta mañá o 2º Premio Nacional de Endesa Educa polo seu proxecto “Salvar o mundo”, realizado polo alumnado de 3º e 4º de Educación Primaria.
Dese xeito, este martes, 17 de xuño, os alumnos de 3º e 4º de Educación Primaria recibiron, da man de divulgadores científicos de Endesa Educa, un diploma acreditativo deste premio. O profesorado tamén recibiu un recoñecemento por guiar ao alumnado neste proxecto. Pais e nais acudiron tamén a esta entrega para acompañar aos seus fillos e fillas a recibir este premio tan especial.
Durante o resto da xornada, o alumnado desfrutou duns obradoiros de ciencia, preparados pola Fundación Endesa nos que seguiron aprendendo sobre a enerxía.
“É para sentirnos orgullosos da educación que reciben estes nenos e nenas, con valores pensando nun futuro sostible e con proxección laboral”, destacou o alcalde, Roberto José Álvarez Carrero. Ademais, tamén recordou “a implicación de profesores e titores neste proxecto”.
Premio Nacional de Endesa Educa
Neste programa participaron máis de mil colexios de toda España para traballar sobre a enerxía. O alumnado do colexio San José, realizou investigacións e deu divulgación a estes resultados nunha exposición na Casa do Concello do 22 ao 25 de abril, experiencia que lles permitiu pór en práctica as súas habilidades comunicativas.
Os alumnos e alumnas encargáronse de explicar o concepto de enerxía e os seus tipos; a súa transformación; e expuxeron, de maneira práctica e interactiva, os seus proxectos, prototipos, etc..., deixando sorprendidos a todos os visitantes (colexios, corporación municipal,...).
Ningún comentario:
Publicar un comentario