11 de xuño de 2025

TOMIÑO

Tomiño presta a súa experiencia técnica en cooperación en Guinea-Bissau  

 O Concello acolleu unha recepción institucional ao persoal técnico municipal de Tomiño e Lugo que participaron no programa Especialistas en Cooperar, impulsado polo Fondo Galego de Cooperación  


A rexedora tomiñesa, Sandra González, e o alcalde de Nigrán, Juan González, que tamén preside o Fondo Galego, con Xoán Amós, axente de desenvolvemento local no Concello de Tomiño, e Teresa Vila, técnica de fondos europeos do Concello de Lugo, e unha representación do persoal municipal que prestou asistencia técnica en Guinea-Bissau a través do programa Especialistas en Cooperar

Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 O Concello de Tomiño acolleu unha recepción institucional ao persoal municipal que prestou asistencia técnica en Guinea-Bissau a través do programa Especialistas en Cooperar, impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A rexedora tomiñesa, Sandra González, e o alcalde de Nigrán, Juan González, que tamén preside o Fondo Galego, puxeron en valor a colaboración que un técnico de Tomiño e unha técnica lucense ofreceron na Rexión de Cacheu, co fin de apoiar o proceso de descentralización administrativa a través da mellora na recadación de impostos e taxas locais. 

 Xoán Amós, axente de desenvolvemento local no Concello de Tomiño, e Teresa Vila, técnica de fondos europeos do Concello de Lugo, presentaron a súa experiencia de cooperación técnica no país africano, onde pasaron preto dun mes intercambiando coñecementos en materia de finanzas municipais para elaborar unha primeira diagnose das eivas que presenta o sistema de cobranza. Esta análise será o punto de partida para un programa a catro anos financiado pola Agencia Española de Cooperación Internacional al Desarrollo (AECID), a través da Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad. 

 O país lusófono non conta polo de agora con municipios formalmente constituídos, senón que as rexións se estruturan en sectores administrativos que precisan fortalecer a súa capacidade de xestión, para promover así unha gobernanza democrática e transparente. Neste senso, os especialistas galegos reuníronse con persoal tanto do Goberno Rexional como de distintos sectores e institucións, propoñendo de maneira conxunta ferramentas para mellorar os ingresos e que estes redunden, á súa vez, no benestar da poboación a través das políticas e os servizos públicos. Ao tempo, aproveitaron para supervisar os proxectos impulsados polo Fondo Galego en materia de abastecemento de auga, saúde e educación. 

 Tras o acto institucional, que tamén contou coa presenza de diversos edís tomiñeses, o traballador e a traballadora municipais participaron na xornada de avaliación de Especialistas en Cooperar, da que se sacaron aprendizaxes para a cuarta edición do programa, na que animaron a participar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario