28 de xuño de 2025

PONTEVEDRA

A Deputación aconsella aplicar xa o primeiro tratamento contra a Scaphoideus titanus, o cicadelido transmisor da flavescencia dourada 

 Tamén recomenda extremar a vixilancia contra o mildio, en especial nos predios nos que non se controlaron ben as infeccións anteriores, apareceron novos síntomas ou non se realizou ningún tratamento recentemente 


 Frutificación con mildio nunha planta testemuña no Areeiro
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra, a través do novo aviso fitosanitario do persoal técnico da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, aconsella aplicar xa o primeiro tratamento insecticida contra o Scaphoideus titanus, cicadelido transmisor da flavescencia dourada, naquelas zonas da provincia que o plan de control e erradicación deste patóxeno de corentena considera tanto obrigatorias como recomendadas. Tamén advirte da importancia de aumentar a vixilancia contra o mildio, en concreto naqueles predios onde non se controlaron de forma correcta as infeccións anteriores, mostraron novos síntomas ou non se executaron tratamentos desde fai tempo. Tampouco se deben descoidar as labores que favorezan a aireación dos acios.  

 O persoal de Areeiro segue a notar como o tamaño da uva evoluciona de maneira significativa, incluso xa hai viñas con grans tocándose entre eles e chegando ao peche do acio. Tamén nalgún híbrido tinto os grans comezan a cambiar de cor nos acios das viñas máis expostas ao sol. Pola contra, atopáronse as primeiras follas de albariño con síntomas abundantes de oídio, posto que a calor e luz difusa das néboas foi favorable ao patóxeno. Ante esta situación é necesario permanecer alerta e seguir aplicando os tratamentos nas variedades especialmente sensibles, posto que este fungo pode causar roturas na pel das uvas e favorecer a entrada de botrite.  

 En canto ao black rot, non se observaron novos síntomas, pero coas altas temperaturas e a humidade dos próximos días aconséllase manter os produtos funxicidas. No caso das avelaíñas do acio, continuaron as capturas de machos de Lobesia botrana, aínda que nun número moi reducido. Máis notable é a incidencia de acariose nas viñas, atopándose 50 ácaros por folla, e de plantas con enfermidades de madeira.  

 O aviso fitosanitario inclúe observacións sobre o moteado da maceira, xa que é conveniente renovar a protección nas variedades máis sensibles para evitar danos no froito e defoliacións que poidan comprometer a súa maduración. Así mesmo, aconsella manter a vixilancia da Cydalima perspectalis (bolboreta do buxo) ante a aparición de novas postas e a evolución de eirugas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario