17 de xuño de 2025

OPINIÓN

Agora máis ca nunca, os socialistas debemos apoiar a Pedro Sánchez 




Agrupación Local do PSdeG-PSOE de Oia

 Nos últimos días, os titulares volveron poñer ao noso partido no ollo do furacán. O caso que salpica a Ábalos e a Cerdán reactivou unha ofensiva mediática e xudicial que, máis alá de buscar xustiza, semella ter como obxectivo desestabilizar o Goberno e erosionar a figura de Pedro Sánchez. 

 Cómpre dicilo con claridade: ningún escándalo, por grave que sexa, debe servir como escusa para dinamitar un proxecto progresista que mellorou a vida de millóns de cidadáns. Pedro Sánchez foi, e segue a ser, o referente dunha esquerda moderna, europea e valente, capaz de gobernar en coalición, de xestionar crises sen precedentes e de poñer por diante os dereitos sociais, a igualdade e o interese xeral fronte a intereses particulares. 

 O ocorrido con Ábalos e Cerdán debe abordarse con contundencia, transparencia e respecto á xustiza. Nisto, non pode haber fisuras. Pero ao mesmo tempo, non podemos permitir que se empreguen erros ou posibles delitos individuais para socavar o proxecto colectivo que representa este Goberno. Sánchez tomou decisións difíciles, como a petición de dimisión como deputado de Ábalos, demostrando que a rexeneración democrática non é un eslogan, senón un principio firme. Pero de aí a utilizar este caso como argumento para deslexitimar o Executivo hai un abismo. 

 Os mesmos que calan ante escándalos de corrupción de décadas noutras formacións políticas, agora esixen dimisións en bloque como se a responsabilidade política fose selectiva e asimétrica. 

 Fronte a este ruído, os socialistas debemos facer o que sempre fixemos nos momentos difíciles: organizarnos, pensar no país e defender as nosas ideas sen complexos. Non se trata de defender persoas, senón de defender un rumbo. O rumbo da xustiza social, do feminismo, do ecoloxismo e da convivencia na diversidade. Ese é o proxecto que Pedro Sánchez encarna e que tantos intentan boicotear desde trincheiras xudiciais, económicas e mediáticas. 

 En definitiva, este non é o momento de dar un paso atrás, senón de reafirmar o noso compromiso cunha España plural, progresista e libre. Agora máis ca nunca, fronte á adversidade, fronte ao barro, fronte ao cinismo, toca mirar cara adiante e apoiar sen ambaxes a Pedro Sánchez. 

 Porque defender a Sánchez hoxe é defender o futuro que queremos para todos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario