20 de xuño de 2025

O BAIXO MIÑO

A Xunta somete á información pública o proxecto para dotar a VAC Tui - A Guarda dun enlace completo co polígono de Areas, que suporá un investimento de 1,6 M€ 

•  O DOG publica hoxe este anuncio, establecendo 30 días hábiles contados a partir de mañá para presentar alegacións  

•  O obxectivo é a execución dos ramais en sentido Tomiño para completar os movementos do enlace de Areas, dentro da VAC Tui-A Guarda, mellorando as conexións do polígono ubicado neste punto  

•  O ramal de saída a Tomiño sitúase na marxe dereita da vía de alta capacidade e resolve o movemento de saída do polígono de Areas en sentido A Guarda  

  O ramal de entrada a Tomiño sitúase na marxe esquerda da VAC e resolve o movemento de saída da autovía en sentido Tui cara ao enlace de Areas


Infogauda / O Baixo Miño 

 A Xunta publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete a información pública o proxecto para dotar a vía de alta capacidade Tui-A Guarda dun enlace completo co polígono de Areas, que suporá un investimento estimado de preto de 1,6 M€. 

 O prazo para presentar alegacións a este proxecto será de 30 días hábiles contados a partir de mañá. 

 O obxectivo do proxecto é a execución dos ramais en sentido Tomiño para completar os movementos do enlace de Areas, dentro da VAC Tui-A Guarda, mellorando as conexións do polígono ubicado neste punto. 

 A Xunta traballa coa previsión de poder aprobar o proxecto de trazado no outono, para proceder á redacción do proxecto construtivo e licitar as obras. 

 Neste enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a este anuncio, que tamén inclúe a relación individual de bens, dereitos e propietarios necesarios afectados polo proxecto referido. 

 A actuación consiste en duplicar o paso inferior baixo a autovía, cuxa execución está contratada no marco da obra do treito entre o enlace de Areas e a estrada PO-350. 

 O ramal de saída a Tomiño sitúase na marxe dereita da vía de alta capacidade e resolve o movemento de saída do polígono de Areas en sentido A Guarda. O ramal de entrada a Tomiño sitúase na marxe esquerda da VAC e resolve o movemento de saída da autovía en sentido Tui cara ao enlace de Areas. 

 Ademais disporase unha senda peonil adxacente ao vial de conexión co polígono que permita a circulación de viandantes de forma segura e sostible. 

 Esta actuación súmase ao treito licitado en xaneiro, que conectará o enlace de Areas coa estrada PO-350, entre os concellos de Tui e Tomiño. A intervención conta cun investimento de máis de 17 M€. 

 Na actualidade está en servizo o treito da VAC Tui–A Guarda, entre Goián e A Guarda, cunha lonxitude de 10,15 km, que percorre os concellos de Tomiño, A Guarda e O Rosal, e que entrou en funcionamento en 2014. 

 O Goberno galego planificou unha execución por fases que dialogou cos principais axentes institucionais e económicos implicados e que estableceu a priorización deste treito inicial de Tui, incluíndo o enlace de Areas. 

 De forma paralela a estas actuacións, a Axencia Galega de Infraestruturas segue progresando na tramitación dos seguintes treitos ata Goián.

Ningún comentario:

Publicar un comentario