PIRAGÜISMO
POUCA FORTUNA PARA MANU OCHOA, NA 2ª COPA DO MUNDO DE CAIAC CROSS
Informa: Rosa Fernández Carrera
Segunda cita coa Liga de Copas de Slálom da ICF, nesta ocasión na canle da localidade francesa de Pau. O teixugo Manuel Ochoa acudiu a cita como representante da selección española na modalidade de caiac cross, levando o listón moi alto, tras gañar a anterior.
Esta é unha canle na que soen adestrar os equipos españois, ao estar preto da fronteira española, aínda así a sorte non estivo de parte do tomiñés nesta ocasión.
Comezou a competición na mañá do domingo coas contra reloxo, nas que se clasificaban para as eliminatorias os 32 mellores dun total de oitenta e dous deportistas de máis de trinta países. Manu fixo unha boa baixada, rematando décimo terceiro, clasificándose para as loitas sen problema.
Na súa primeira baixada dos enfrontamentos, tivo un bo comezo, manténdose en segunda posición, aínda que moi axustada, e na última porta foi adiantado polo polaco Polaczyk, entrando terceiro e quedando eliminado en octavos de final. Rematou esta segunda copa do mundo décimo noveno. Destacar que a medalla de ouro foi para o español Pau Etxaniz, que a pesares de non estar entre os favoritos deu gañado a competición.
A seguinte Copa do Mundo celebrarase do 27 ao 29 de xuño en Praga, e nesta ocasión serán dous os deportistas do Club Deportivo Miño-Teixugos que formarán parte do equipo de España: Luís Fernández, en canoa, e Manuel Ochoa, en caiac cross.
Ningún comentario:
Publicar un comentario