11 de xuño de 2025

A GUARDA

O PSOE da Guarda abstense na votación sobre a licitación da piscina municipal

  "Pola falta de garantías e transparencia do goberno local" 


Fachada principal da piscina climatizada municipal de A Guarda
Foto: GMS

Redacción / A Guarda

 O Grupo Municipal Socialista da Guarda decidiu absterse na votación da "proposta do goberno local para licitar novamente a obra de reforma da piscina municipal, ante a existencia dun informe desfavorable da intervención municipal, que alerta de riscos económicos graves para o Concello".  

 Desde o PSOE explican que, como forza política responsable, non poden "apoiar unha proposta que inclúe o levantamento dun reparo suspensivo de intervención, cando os propios informes técnicos indican que non está garantida a financiación total da obra nin os prazos que esixe a subvención europea do millón e medio de euros".  

 Pero ademais, denuncian "con total claridade que o goberno local mentiu descaradamente aos grupos da oposición cando se lles preguntou como pensaban cubrir o sobrecusto de máis de medio millón de euros que supuxo a revisión do proxecto da piscina".  

 "A resposta que se nos deu foi que ese diñeiro viría do Fondo de Cooperación Local da Xunta. Pero agora, grazas ao informe de intervención, descubrimos que iso non era certo: ese diñeiro non está concedido, non hai resolución firme, e o único que fixeron foi presentar unha solicitude. E presentar unha solicitude non é o mesmo que ter os cartos".  

 "Nós non estamos aquí para validar chapuzas nin improvisacións. E tampouco para acabar nun xulgado dentro duns anos por levantar un reparo de intervención que claramente advirte de que este procedemento non cumpre os requisitos. A responsabilidade política, e se é o caso tamén legal, será exclusivamente do equipo de goberno", sinalan desde o Grupo Socialista.  

 A portavoz socialista, Fátima Rodríguez, insiste en que a abstención non foi en ningún caso un freo á obra da piscina, que consideran necesaria e urxente para A Guarda. "A nosa abstención foi unha forma de dicir 'si' ao proxecto, pero 'non' a esta forma de gobernar. A veciñanza merece obras ben feitas, ben financiadas e sen riscos para as contas municipais".  

 Desde o PSOE lembran, ademais, que todo este proceso podería terse evitado se o goberno local tivese actuado con máis antelación e responsabilidade: "Se se puxeran mans á obra cando tocaba, e se xestionasen as cousas con planificación e rigor, hoxe non estariamos nesta situación. Pero a improvisación e a falta de seriedade teñen consecuencias, e lamentablemente quen paga é A Guarda. Por non falar da inxente cantidade de plenos extraordinarios que están a convocar, co gasto que iso supón para o Concello".  

 Finalmente, desde o Grupo municipal do PSdeG-PSOE refiren: "O outro grupo da oposición tamén decidiu absterse, deixando en evidencia o illamento do goberno local nesta votación clave, e o malestar xeneralizado pola forma na que se está a xestionar un proxecto que debera ser motivo de consenso, non de polémica"

Ningún comentario:

Publicar un comentario