Ínsua Band, nova banda local, debutará no TocaMúsica
• O concerto será este domingo 8 de xuño, ás 12:30h, na rúa do Porto, á altura do Monumento do Mariñeiro
Infogauda / A Guarda
O ciclo TocaMúsica do Concello de A Guarda continúa con concertos nos diferentes recunchos da vila. Este domingo, 8 de xuño, ás 12:30h, na rúa do Porto - á altura do Monumento ao Mariñeiro - é a quenda de Ínsua Band, que debutarán nese concerto.
Ínsua Band é unha banda formada na Guarda, por xente querida da zona. O veterano Enrique Vicente - que foi compoñente dos míticos Cosa Nostra, PK2, Alén do Son,... -, na guitarra; e a marabillosa voz de Eva Carreras, que foi concursante de OT 2006, e nunca deixou de cantar en diferentes formacións. Completan a banda, Ricardo Díaz, dando os "golpes" baixos coa súa experiencia no mundo do jazz, influenciado polo folclore suramericano e a música afroamericana. E o guardés Brais Verde, dándolle un aire fresco á formación coas súas baquetas acostumadas a moverse no mundo do pop e do rock.
Ínsua Band móvense polos límites do jazz, do soul, do bolero e da bossa nova.
“É marabilloso ver como xorden novos proxectos musicais e que unen ademais a diferentes xeracións”, explica o alcalde. “Creo que Ínsua Band non pode ter mellor lugar para estrearse e agardo que moita xente veña a desfrutar desta nova banda”, engadiu.
Tras o éxito da primeira actuación con Mambas negras, durante o verán seguirá a música en directo coas actuacións por diferentes puntos da vila a cargo de Litus, Novoa e Pirata, e de Wonder Covers.
Este ciclo pretende ser unha cita que marcar na axenda, unha cita musical mensual co Tocamúsica 2025, programa que conta co apoio do plan +Provincia, da Deputación de Pontevedra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario