Ana Ortiz lamenta as dificultades dos peregrinos ao seu paso por Vigo pola falta de sinalización tras outro inicio de récord do Camiño Portugués da Costa
• A delegada da Xunta, Ana Ortiz, fixo balance da afluencia de peregrinos ao Albergue Público “Juan Manuel López Chaves” no primeiro cuatrimestre do ano
• Máis de 17.800 camiñantes xa pasaron polas rúas de Vigo neste ano 2025 e máis de 2.280 recibiron aloxamento no Berbés
Infogauda / Vigo
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, fixo balance este martes dos datos do Albergue Público de Peregrinos “Juan Manuel López Chaves”, situado no barrio do Berbés, e do Camiño Portugués da Costa ao seu paso por Vigo. Segundo explicou a representante autonómica, a hospedería viguesa xa deu aloxamento este ano a 2.286 peregrinos, o que supón 400 persoas máis que en 2024.
Durante unha visita ao albergue para saudar aos camiñantes, Ortiz destacou tamén que desde xullo do 2012, cando a Xunta de Galicia inaugurou as instalacións cun investimento de 1,8 millóns, xa foron un total de 34.282 os pregrinos que se aloxaron. As estatísticas apuntan que en 2024 a cifra chegou a 11.156 aloxamentos; en 2023 foron 10.945; no ano 2022 chegaron ata 7.950 e en 2021, ano no que se inaugurou o albergue, a cifra chegou a 1.950.
A delegada da Xunta destacou o acerto do Goberno galego cando decidiu rehabilitar os edificios do barrio histórico vigués para dotar á cidade do seu primeiro albergue público no Casco Vello. Tamén lembrou o apoio da Xunta para mellorar e reforzar o patrimonio deste itinerario coa liña de axudas específica para proxectos no Camiño de Santiago por máis de 5 millóns de euros, do que foron beneficiarias iniciativas como o restaurante e hotel nos faros grande e pequeno de Cabo Silleiro.
Respecto dos datos do Camiño Portugués da Costa neste ano 2025, sinalou que xan son 17.826 os peregrinos que recolleron a Compostela, con datos que apuntan a outro ano de cifras históricas. “Deberiamos sumar a todos aqueles camiñantes que non recollen a acreditación, polo que estamos a falar aproximadamente dun 30% más”, indicou.
Ana Ortiz tamén amosou a súa preocupación pola falta de sinalización do trazado ao seu paso por Vigo, o que está provocando numerosos problemas aos peregrinos. “Por desgraza, e a pesar das promesas, Vigo segue sendo a única cidade de Europa que non ten a ruta sinalizada e a iniciativa estivo encamiñada a amosar o itinerario”, sinalou.
O itinerario máis internacional
Sobre a nacionalidade dos camiñantes, a delegada destacou que o 86% dos peregrinos que realizan o Camiño da Costa son estranxeiros, cunha maior afluencia por parte de alemáns, estadounidenses e portugueses. “Os estudos que temos indican que un peregrino consume tres veces máis que un visitante, está máis tempo no territorio e no caso dos estranxeiros fan un gasto de 150 euros diarios”, engadiu.
Entre os españois, a comunidade da que proveñen máis peregrinos é Madrid, seguido de Andalucía, Comunidade Valenciana, Cataluña e Castela A Mancha. Finalmente, Ortiz resaltou o comportamento do Camiño Portugués da Costa, cuxo peso medra case 5 puntos, pasando de representar preto do 12% dos peregrinos totais de Galicia en 2023 a case o 17% neste 2025.
Ningún comentario:
Publicar un comentario