22 de maio de 2025

O ROSAL

Estilo e música en directo na segunda edición do Rula Roupa Rosal  

•  Este domingo, 25 de maio, ás 13.00 h, na praza do Calvario, ao abeiro do mercado de moda e complementos de segunda man, sesión vermú coas versións de No All Kansas 


A banda No All Kansas traerá versións cheas de enerxía dos anos 70, 80, 90..., para facer bailar a todo o público na praza do Calvario
Foto: Cedida


Infogauda / O Rosal 

 O Rosal prepárase para tomar as rúas coa moda e complementos con conciencia... e o mellor ritmo da música en directo. Este domingo 25 de maio a praza do Calvario converterase nun espazo de encontro para vestir con estilo, aforrar e coidar o planeta coa segunda edición do Rula Roupa Rosal, un mercado de roupa e complementos de segunda man que abrirá as súas portas ao público de 11.00 a 20.00 horas. 

 A proposta, impulsada polo Concello do Rosal, chega cun programa de lecer para todos os públicos que arrancará ás 13.00 horas con música en directo na sesión vermú a cargo de No All Kansas, unha banda que traerá versións cheas de enerxía dos anos 70, 80, 90..., para facer bailar a todo o público na praza do Calvario.   

 “Queremos que Rula Roupa sexa moito máis que un mercado: unha experiencia para gozar en familia, reflexionar sobre o consumo responsable e apoiar iniciativas locais que dan unha segunda vida aos produtos”, explica o concelleiro de Comercio, Alejandro González. “Este ano sumamos de novo música en directo e actividades infantís para crear un ambiente único e que todo o mundo se sinta parte desta nova forma de entender a moda”, engade. 

 Durante a xornada tamén se celebrará un obradoiro infantil de monicreques con calcetíns reciclados ás 17.00 h, no que os máis pequenos e pequenas poderán dar renda solta á súa creatividade mentres aprenden a importancia da reutilización e o coidado do medio ambiente. As persoas interesadas poden facer xa a súa inscrición chamando ou de forma presencial no Concello ou enviando un correo electrónico a informacionxuvenil@orosal.gal. Ás 18.30 h será a quenda de Tarabela Creativa, que chega co seu espectáculo para público familiar ‘A tarabela ambulante’ para escapar do aburrimento.  

 Con entrada libre e acceso aberto a todas as persoas, Rula Roupa Rosal consolídase como unha cita referente no calendario de actividades de primavera no Baixo Miño, apostando por unha economía circular, responsable e creativa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario