23 de maio de 2025

O BAIXO MIÑO

O BNG propón unha autoridade única de gobernanza para o Miño que revitalice este espazo fronteirizo clave para Galiza 

  Ana Pontón: “Facemos esta proposta para acabar co abandono por parte de todas as administracións dun territorio fundamental para o noso País” 

  Fixa como prioridade a rexeneración integral do río con recursos e prazos, o que impulsaría a pesca artesanal, o turismo e o benestar da poboación   


Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, presidiu a reunión interparlamentaria á que asistiron políticos desa formación, ao máis alto nivel

Infogauda / Tui  

 A portavoz nacional, Ana Pontón, anunciou que o BNG vai poñer en marcha unha ofensiva institucional para reclamar a creación dunha autoridade única de gobernanza para o espazo transfronteirizo Río Miño, co obxectivo de preservar e poñer en valor este territorio “clave para o noso País” e deixar atrás o “abandono” que sofre na tanto por parte dos dous estados dos que depende como da propia Xunta. “Facemos esta proposta para acabar co abandono por parte de todas as administracións dun territorio fundamental para o noso País”, recalcou. 

 Pontón fixo este anuncio en Tui, onde presidiu a reunión interparlamentaria á que asistiron políticos do BNG ao máis alto nivel para, baixo o título O río Miño transfronteirizo: un espazo estratéxico para Galiza, analizar a importancia xeoestratéxica deste territorio para Galiza, con problemas de cáracter ambiental, económico e social que precisan dunha “alternativa política solvente” e “ambiciosa”. Entre outros cargos, asistiron á reunión a eurodeputada Ana Miranda; a senadora Carme da Silva; e alcaldesas e alcaldes na comarca do Baixo Miño. 

 A proposta nacionalista pasa pola creación dun instrumento de gobernanza específico con cesión de competencias por parte dos dous estados, así como de recursos económicos. “En definitiva –apuntou Pontón– unha autoridade única de gobernanza conxunta para a toma de decisións en todos os asuntos importantes para a boa xestión deste territorio”, desde protección e mellora ambiental até a aplicación e interpretación de normativas, a xestión da pesca ou a promoción económica e o desenvolvemento turístico. 

 Para todo iso, o BNG propón financiar a autoridade única cos fondos transfronteirizos “que neste momento están xestionando os estados e a Xunta e que non están chegando realmente ao territorio. Temos que facer que eses recursos cheguen á poboación que os necesita e as cuestións que son fundamentais para este territorio”, afondou.  

 Entre as prioridades desta autoridade, na que terían representación  todas as partes implicadas —os estados, a Xunta e os concellos, entre outras—, estaría, segundo explicou a portavoz nacional, establecer unha estratexia integral de rexeneración ambiental do río Miño, cun plan de actuacións dotado de cronograma e medios económicos. 

 Segundo denunciou, hoxe non existe ningún organismo que controle as augas ou asuma o control de vertidos contaminantes, e por iso a situación ambiental do río está cada vez máis degradada. 

 Pontón avogou por potenciar a pesca artesanal como outra das cuestións prioritarias que debería atender a autoridade única de gobernanza que propón o BNG, máis tendo en conta que se trata dunha actividade cunha importante repercusión na economía local da que viven xa en torno a duascentas persoas pero con potencial para crear máis emprego e riqueza. 

 “Conservar ben o río Miño vai ter un impacto moi positivo na vida de todas as persoas que viven aquí, pero tamén vai ter un impacto á hora de poder desenvolver outros sectores económicos ao seu redor e, polo tanto, potenciar unha área estratéxica”, agregou Pontón, que subliñou que a alternativa de gobernanza proposta polo Bloque xa se ten ensaiado con éxito noutras partes do mundo, entre Arxentina e Uruguai ou, máis cerca, na conca do Danubio.    

 A portavoz nacional lembrou que o único que existe a día de hoxe é a Comisión Permanente Internacional do río Miño, creada no século XIX e con mando militarizado. “Necesitamos instrumentos do século XXI e non do XIX”, recalcou, para concretar que o BNG vai levar a súa proposta a todas as institucións, dende os concellos afectados até o Parlamento galego, as Cortes do Estado e o Parlamento Europeo.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario