7 de maio de 2025

MEDIO AMBIENTE

Galicia terá este ano 108 praias con bandeira azul e consolídase como a terceira comunidade autónoma con máis galardóns 

• A Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) tamén recoñece un total de 12 portos deportivos galegos, 1 deles de nova incorporación, e 17 centros de interpretación e aulas da natureza, dos cales 2 reciben a insignia por primeira vez


Vista da praia do Forte, en Camposancos (A Guarda)
Fotos: Infogauda
Praia Area Grande


Infogauda / Galicia

 Galicia terá este ano un total de 108 praias en 35 municipios galardoadas coa bandeira azul, un distintivo de carácter internacional co que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) recoñece anualmente a areais de todo o mundo seleccionados en base a unha serie de rigorosos criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos.  

 Deste xeito, Galicia concentra case unha de cada seis bandeiras concedidas en España (642) e consolida a súa posición entre as tres comunidades que reciben un maior número de distintivos para as súas praias, xunto con Valencia (que suma 143) e Andalucía (138).  

 Dos 108 areais galegos galardoados na presente edición, cómpre subliñar que O Mende, en Vigo, recibe este distintivo por primeira vez. Ademais, outros dous —Grande, en Miño, e San Francisco, en Muros— recuperan este ano a bandeira que non luciron en 2024.  

 Así mesmo, Adeac tamén deu a coñecer esta mañá a relación de portos deportivos nos que ondeará a bandeira azul. Das 101 instalacións recoñecidas no conxunto do país, 12 están en Galicia, unha máis que na pasada edición, xa que entra na listaxe o Liceo Marítimo de Bouzas (Vigo), un porto que, ademais, se estrea entre os galardoados.  

 De igual xeito e aínda que neste caso non lucirán bandeira como tal, Adeac recoñeceu un ano máis o labor dos chamados centros azuis, categoría na que se engloban aulas de natureza e de mar, centros de recepción de visitantes e instalacións similares dedicadas á educación ambiental en municipios relacionados co programa Bandeira Azul. Dos 92 centros azuis que haberá este ano en todo o país, 17 están en Galicia, que é a segunda comunidade con máis distincións neste eido, só por detrás de Valencia (con 23).  

 Neste apartado, destaca a incorporación do Museo-Centro de interpretación Mar do Sorrizo, en Arteixo, e do visor submarino Nautilus, localizado nas instalacións da Autoridade Portuaria de Vigo, xa que se estrean en ambos casos como centros azuis.  

 Cómpre subliñar que os criterios esixidos por Adeac para a concesión da bandeira azul, no caso de praias e portos, están relacionados coa calidade das augas —que ten que ser excelente—; a seguridade e a accesibilidade; a dotación de servizos; así como a xestión ambiental e a sustentabilidade. Pola súa parte, os centros azuis deben fomentar a educación ambiental no litoral, o coñecemento da contorna e as alternativas de ocio.  

 Tras darse a coñecer hoxe a relación de praias, portos e centros galardoados, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou a boa posición que ocupa Galicia un ano máis, resultado da súa aposta polo coidado dos recursos naturais do litoral, que a converten “nun lugar único” para visitar.  

Datos a nivel provincial 

 Por provincias, Pontevedra concentra un ano máis o maior número de bandeiras azuis de Galicia, concretamente 53 que recaen noutras tantas praias e 7 en instalacións portuarias. No caso da Coruña, os galardoados foron 39 areais e 4 portos e no de Lugo, recoñeceuse con este distintivo a 16 praias e 1 porto deportivo.  

 Sanxenxo volve repetir como o municipio español con máis areais galardoados, un total de 17, os mesmos que en 2024. O concello pontevedrés recibe, ademais, 3 distincións para outros tantos portos e terá tamén 1 centro azul. Ademais, cómpre subliñar o caso de Vigo, a cidade galega que recibe máis bandeiras para as súas praias (12) e o segundo municipio de España nesta clasificación, ademais de ter tamén 1 porto e 1 centro recoñecidos; e o de Baiona, con 6 praias, 1 área portuaria e 1 centro azul.  

 Así mesmo, na provincia da Coruña, Arteixo volve concentrar o maior número de bandeiras, con 6 praias e 1 centro azul; seguido da Coruña —5 areais e 1 porto—, Oleiros —5 praias distinguidas ademais de 2 centros azuis— e Ferrol —con 5 bandeiras azuis—. 

 Por último, Foz é o concello lucense con máis areais galardoados, 5 en total; seguido de Burela, con 2 praias e 2 centros azuis; Ribadeo, que suma 2 praias con bandeira e o único porto distinguido nesta provincia; e Barreiros e O Vicedo, con 2 areais cada un.  Por último e con relación aos chamados sendeiros azuis, cómpre precisar que, por cuarto ano consecutivo, Adeac convocou estes distintivos no marco dun programa independente ao de Bandeira Azul co que se busca poñer en valor o papel das sendas como un recurso valioso para gozar da natureza e aprender a interpretar a contorna. Galicia concentra 54 dos 154 itinerarios galardoados este ano en todo o país —cinco máis que os que tiña en 2024— e segue sendo a comunidade con máis sendeiros azuis.  

 En total e sumando praias, portos, centros de visitantes e sendeiros distinguidos por Adeac, Galicia atesoura 191 galardóns, balance que a sitúa como a terceira comunidade que concentra máis recoñecementos, por detrás de Valencia (213) e Andalucía (196).  

 A continuación detállanse os galardóns concedidos en 2025 en Galicia no marco do programa Bandeira Azul, diferenciando entre praias, portos e centros azuis e resaltando cun * aqueles que o reciben por primeira vez.

PRAIAS CON BANDEIRA AZUL 2025  

PROVINCIA DA CORUÑA  

16 concellos / 39 areais  

A Coruña:  As Lapas,  Orzán-Matadero,  Oza , Riazor e San Amaro  

A Laracha:  Caión  

A Pobra do Caramiñal:  Lombiña-Cabío  

Arteixo:  A Salsa (Repibelo),  Barrañán,  Combouzas,  Porto de Suevos,  Sabón e  Valcovo  

As Pontes de García Rodríguez:  Lago das Pontes  

Bergondo:  Gandarío  

Camariñas:  Arou  

Carballo:  Pedra do Sal,  Razo e Saíñas  

Dumbría:  O Ézaro  

Ferrol:  A Fragata-O Pareixal, Caranza,  Doniños,  Esmelle e San Xurxo  

Laxe:  Laxe  

Malpica de Bergantiños:  Area Maior  

Miño:  A Ribeira,  Grande e  Perbes-Andahío  

Muros: San Francisco  

Oleiros: Bastiagueiro,  Espiñeiro,  Mer,a  Naval e  Santa Cristina  

Ponteceso:  A Ermida  Balarés e O Osmo    

PROVINCIA DE LUGO  

8 concellos / 16 areais  

Barreiros:  Coto  e Fontela Valea  

Burela:  A Marosa  e O Portelo:

Cervo:  O Torno

Foz:  A Rapadoira,  Areoura,  As Polas,  Llas, e  Peizás  

O Vicedo:  Abrela e Xilloi  

Ribadeo:  As Catedrais e Os Castros-Illas  

Viveiro:  Area  

Xove:  Esteiro    

PROVINCIA DE PONTEVEDRA 

11 concellos / 53 areais  

A Guarda:  Area Grande e O Forte (Camposancos)

A Illa de Arousa:  Area da Secada  e Bao (Camaxe)  

Baiona:  Barbeira,  Concheira,  Frades,  Ladeira,  Ribeira, e  Santa Marta  

Bueu:  Area de Bon,  Lagos,  Lapamán, e  Portomaior  

Marín:  Aguete,  Mogor,  Portocelo,  e Santo do Mar-A Coviña  

Moaña:  O Con  

Poio:  Cabeceira e Xiorto  

Ponte Caldelas: A Calzada (praia fluvial)  

Sanxenxo:  A Lapa,  Agra,  Areas , Areas Gordas , Baltar,  Bascuas,  Canelas,  Caneliñas,  Foxos,  Major,  Montalvo,  Nosa Señora da Lanzada,  O Espiñeiro,  Panadeira,  Paxariñas,  Pragueira e  Silgar  

Vigo:  Argazada,  A Fontaíña,  A Punta,  Canido,  Carril,  Fortiñón,  O Adro,  O Mende, *  O Vao,  Rodas (Illas Cíes),  Santa Baia, e  Tombo do Gato  

Vilagarcía de Arousa:  Campanario e Compostela   

PORTOS CON BANDEIRA AZUL 2025  

A Coruña  

A Coruña:  Real Club Náutico A Coruña-Marina Real  

Sada:  Club Náutico Sada, e Porto Deportivo Sadamar  

Porto do Son:  Real Club Náutico de Portosín  

Lugo  

Ribadeo:  Porto Deportivo de Ribadeo  

Pontevedra  

Baiona:  Monte Real Club de Iates de Baiona  

Cangas:  Porto Deportivo Cangas (Real Club Náutico Rodeira)  

O Grove:  Porto Deportivo Pedras Negras  

Sanxenxo:  Real Club Náutico Sanxenxo,  Club Náutico Portonovo, e Porto Deportivo Juan Carlos I  

Vigo:  Liceo Marítimo de Bouzas *        

CENTROS AZUIS 2025  

A Coruña  

A Laracha:  Centro de interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte Golmar  

Arteixo:  Museo-Centro de interpretación Mar de Sorrizo *  

Camariñas: Centro de visitantes do Faro de Cabo Vilán e Museo Man de Camelle  

Oleiros: Aula do Mar do centro de interpretación do Monumento Natural Costa de Dexo-Serantes  e CEIDA: Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia  

Lugo  

Burela:  Centro de Educación Medioambiental Gaia  e Barco Museo Reina del Carmen  

Pontevedra  

A Illa de Arousa:  Centro de interpretación da Conserva  

Baiona:  Centro de interpretación ambiental Foz do Miñor  

Bueu:  Aula de Natureza Cabo Udra,  Centro de interpretación do litoral de Agrelo e Estaleiro de Purro  

Marín:  Centro de interpretación dos petróglifos de Mogor  

Poio:  Casa Museo de Colón  

Sanxenxo:  Centro de interpretación As Telleiras (en obras)     

Vigo:  Visor submarino Nautilus *

Ningún comentario:

Publicar un comentario