A Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (FEMUPO) lanza unha nova edición do Proxecto ÁS
• Para formar a mulleres no manexo profesional de drons
Raquel Touriño / Pontevedra
A Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (FEMUPO) pon en marcha unha nova edición do Proxecto ÁS, unha iniciativa pioneira que busca formar a mulleres en sectores tradicionalmente masculinizados. Tras o éxito da convocatoria do ano pasado, o proxecto amplíase neste 2025 cunha nova oferta formativa nas localidades de Pontevedra e Tui.
O obxectivo principal do Proxecto ÁS é proporcionar ás mulleres da provincia ferramentas para mellorar a súa empregabilidade e fomentar o emprendemento no ámbito tecnolóxico, concretamente no sector dos drons, cun gran potencial de futuro.
Formación técnica con dron de agasallo; As accións formativas, totalmente gratuítas, terán unha duración total de 24 horas (16 horas de contidos teóricos, 4 de prácticas e 4 de exame), e estarán impartidas por persoal especializado. Un dos grandes atractivos do programa é que cada participante recibirá un dron ó completar a formación, co obxectivo de facilitar o acceso real ao mercado laboral ou ao desenvolvemento de proxectos propios.
“Queremos romper estereotipos e abrir camiños. As mulleres teñen moito que aportar ao sector tecnolóxico e con este proxecto pretendemos achegarlles ferramentas reais para conseguilo”, sinalan desde FEMUPO.
Inscrición aberta ata completar prazas
A inscrición xa está dispoñible a través do seguinte formulario en liña: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSdgkIZ8HOAkPaxVoJ0QaJnEvw_VT9FYap- JOD0Ls9wJqZSJCA/viewform
As prazas son limitadas e a formación está dirixida exclusivamente a mulleres empadroadas na provincia de Pontevedra.
Máis información e contacto:
Correo electrónico: secretariafemupo@gmail.com
Teléfono / WhatsApp: 623 955 612
O Proxecto ÁS conta co apoio da Deputación de Pontevedra, e enmárcase nas accións estratéxicas de FEMUPO para impulsar a igualdade de oportunidades e o acceso das mulleres aos sectores tecnolóxicos emerxentes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario