Presentación dos vehículos VIDOC
Abel Losada anuncia a chegada das “furgonetas do DNI” a once concellos do sur da provincia
No ámbito da comisaría de Vigo a iniciativa arranca o día 21 en Cangas
“Con este servizo, evitamos desprazamentos innecesarios ata Vigo ou outras comisarías habilitadas, aforrando tempo, cartos e facilitando a conciliación cos horarios laborais”, destacou o subdelegado
Infogauda / Vigo
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, anunciou hoxe a chegada do Vehículo Integral de Documentación (VIDOC) do Corpo Nacional de Policía a once concellos do sur da provincia de Pontevedra para facilitar a expedición do DNI e pasaporte. O subdelegado participou hoxe na presentación deste novo servizo na Comisaría da Policía Nacional de Vigo, onde estivo acompañado do comisario provincial, Juan José Díaz, e do comisario de Vigo-Redondela, Ramiro Gómez.
Trátase, explicou Losada, dunha iniciativa que ten como obxectivo achegar a Administración ao conxunto da cidadanía facilitando a expedición do DNI e do pasaporte a través de unidades móbiles que se desprazarán polos diferentes concellos. Así, a furgoneta adscrita á de Vigo fará parada nunha primeira fase en Cangas (21 de abril), Baiona (22 de abril), Gondomar (28 de abril), A Cañiza (2 de maio), Redondela (5 de maio), A Guarda (7 de maio), Nigrán (9 de maio), Ponteareas (12 de maio), O Porriño (14 de maio), Moaña (15 de maio), e Tomiño (16 de maio).
Abel Losada subliñou que son as comisarías as que seleccionan os concellos onde se presta este servizo con criterios estritamente policiais, polo que se algún concello ten interese en recibir a visita da VIDOC debe solicitalo á Comisaría, onde se estudiará cada caso con criterios de dispoñibilidade e proximidade aos puntos xa atendidos.
O programa enmárcase no Plan de Identidade Dixital posto en marcha pola Dirección Xeral da Policía e consistiu na adquisición e adaptación de 80 vehículos cun investimento de 15 millóns de euros financiados polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR). A día de hoxe están operativos un total de 21, 7 deles en Galicia.
Con esta iniciativa revoluciónase o modelo de expedición do DNI e Pasaporte levándoo aos municipios no que non hai despregamento da Policía Nacional. Os vehículos dispoñen das mesmas funcionalidades que as unidades de documentación, polo que expiden a documentación nun só acto. Ao mesmo tempo será posible actualizar os certificados dixitais do DNI. En cada visita se atenderá a un máximo de 40 persoas, dado que o tempo medio de atención a cada cidadán ou cidadá estímase en 12 minutos.
“O DNI e o pasaporte son dous elementos centrais na relación entre os cidadáns e a Administración Pública. Con este servizo, evitamos desprazamentos innecesarios ata Vigo ou outras comisarías habilitadas, aforrando tempo, cartos e facilitando a conciliación cos horarios laborais”, destacou o subdelegado.
Ademais de mellorar o acceso aos documentos oficiais, o subdelegado subliñou a dimensión medioambiental do proxecto: “Reducir os desprazamentos, especialmente en vehículos privados, contribúe tamén a avanzar cara a unha mobilidade máis sostible”.
O sistema xa está en funcionamento na zona de Pontevedra, onde as citas previas dispoñibles ata o momento se cubriron na súa totalidade, demostrando a elevada demanda deste tipo de servizos. O subdelegado quixo felicitar á Policía Nacional “pola súa capacidade para atender as necesidades da cidadanía e polo seu compromiso como corpo ao servizo do interese público”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario