14 de abr. de 2025

VIGO

Persoal da área sanitaria de Vigo demanda máis seguridade nos postos de traballo 

 Desenvolveu unha concentración no Álvaro Cunqueiro en solidariedade coas persoas traballadoras agredidas o pasado xoves no hospital 


 Persoal da área sanitaria de Vigo mobilizouse hoxe no Álvaro Cunqueiro
Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 Persoal da área sanitaria de Vigo mobilizouse hoxe no Álvaro Cunqueiro en solidariedade coas persoas traballadoras agredidas física e verbalmente o pasado xoves no hospital e para demandarlle á Xerencia a adopción de medidas urxentes de carácter preventivo ante o aumento deste tipo de incidentes.  

 A mobilización desenvolveuse na entrada principal do centro médico a partir das 11:00 horas ao berro de “Non non non, ás agresións” e “Máis seguridade nos postos de traballo”. A presidenta da xunta de persoal, Pilar Rodríguez, interveu ao final da protesta para rexeitar “todo tipo de violencia” contra o persoal do sector e para anunciar que o órgano de representación das persoas traballadoras vai ter “tolerancia cero” coas agresións “tanto físicas como verbais”. De xeito que a partir de agora convocará mobilizacións ao día seguinte de que se rexistren incidentes deste tipo. 

 Rodríguez demandou da Xerencia da área sanitaria viguesa a adopción de medidas urxentes de carácter preventivo para evitar agresións e poder traballar con seguridade “xa que só con protocolos de resposta posterior non chega”. Finalmente, advertiu sobre o feito de que os datos amosan un “aumento alarmante” deste tipo de casos e sinalou a importancia da que o persoal afectado comunique o suceso “porque o que non comunicamos non existe”.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario