NOVO DESPILFARRO MILLONARIO E INNECESARIO NO CONCELLO DE TUI: O PSOE TUDENSE GASTA 1,1 M DE € NO PASEO DA CORREDOIRA
Os populares apuntan que esa rúa atopábase en bo estado e non precisaba unha intervención, o que contrasta fortemente con outros puntos da cidade que seguen esquecidos ou as parroquias, que levan anos abandonadas.
A formación liderada por Nico Montes adianta que estudará a posibilidade de reabrir parcialmente ao tráfico esta rúa se goberna en 2027 no marco da súa intención de devolver a circulación para volver a darlle vida á cidade.
Infogauda / Tui
O Partido Popular de Tui critica a decisión do goberno socialista de investir máis de 1,1 millóns de euros na peonalización do Paseo da Corredoira, unha rúa que se atopaba xa peonalizada e non precisaba ningunha intervención. Mentres tanto, as necesidades urxentes da cidade e das parroquias seguen sen atenderse, deixando ás zonas rurais nun estado de abandono e con graves carencias en infraestruturas e servizos.
A obra, que comezou sen realizar as catas arqueolóxicas previas e chegou a estar paralizada, responde á política indiscriminada de peonalizacións do goberno local, que continúa priorizando actuacións estéticas no centro da cidade en lugar de atender ás verdadeiras demandas da veciñanza. O PP denuncia que esta estratexia non fai máis que agravar os problemas de mobilidade e dificultar o acceso ao comercio local, afectando especialmente aos pequenos negocios.
O voceiro popular, Nico Montes, subliña que esta decisión política non obedece a ningunha demanda veciñal nin a criterios de necesidade real, senón que forma parte dun modelo de xestión errático que ignora as carencias estruturais do municipio. "É inadmisible que se destinen máis de 1,1 millóns de euros a unha obra que non mellora a calidade de vida da xente, mentres os problemas reais de Tui seguen sen solución", afirmou Nico Montes.
Compromiso co tráfico e o aparcamento
Ante esta situación, o PP de Tui comprométese a estudar a reapertura do Paseo da Corredoira ao tráfico de luns a venres se chega ao goberno en 2027, co obxectivo de recuperar a circulación para volver a darlle vida a esta zona da cidade. Ademais, rexeita frontalmente a eliminación de máis prazas de aparcamento, unha das principais preocupacións da veciñanza e un factor clave para o desenvolvemento económico local.
"Seguiremos defendendo un Tui dinámico e accesible, fronte a un modelo de cidade que só xera molestias e gasto innecesario. O noso obxectivo é priorizar as necesidades reais dos tudenses, garantindo unha xestión eficiente dos recursos públicos e apostando por solucións que melloren o día a día da xente", concluíu Nico Montes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario