2 de abr. de 2025

TUI

O BNG urxe á Xunta a cubrir a praza de conserxaría pendente no IES San Paio de Tui para atender aos seus 1.000 alumnxs 

 Brais Ruanova acusa ao Goberno do PP de non cubrir a vacante para desfacerse dunha praza recoñecida na RPT da Consellería de Educación  

 Critícalle que pretenda que os dous únicos conserxes se repartan mañá e tarde o traballo nun centro de tales dimensións, “unha tomadura de pelo”    

 

O deputado nacionalista Brais Ruanova recordou nunha pregunta parlamentaria á Consellería de Educación no Pleno do Parlamento, que cubra dunha vez por todas a praza de conserxaría do IES San Paio, de Tui

Foto: G.P. BNG

Infogauda / Tui 

 O BNG reclamou á Consellería de Educación no Pleno do Parlamento que cubra dunha vez por todas a praza de conserxaría do IES San Paio, de Tui, que segue baleira logo do triste falecemento da persoa que a ocupaba, pese a estar recoñecida na Relación de Postos de Traballo (RPT) da propia consellería e a que o centro só conta agora con dous conserxes para prestar atención a máis de 1.000 alumnos e alumnas.   

 O deputado nacionalista Brais Ruanova recordou nunha pregunta parlamentaria ao conselleiro Román Rodríguez que o IES, con 625 alumnas e alumnos en horario de mañá, suma ademais outros 400 desde 2008, ano no que comezou a acoller tamén ao alumnado da sección en Tui da Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Vigo, o que derivou nun acordo coa consellería para ampliar nunha praza máis de conserxaría para cubrir o horario desta sección da EOI, aberta de 7,30 a 22,00 h.  

 Mais o problema xurde cando hai escasos meses falece tristemente un dos conserxes e Educación “négase reiteradamente” a cubrir a vacante, pese ás demandas de toda a comunidade educativa do centro que recibe como proposta da consellería que, xa que o centro conta con dous conserxes, que un estea pola mañá e outro pola tarde, o que Ruanova cualificou de “auténtica tomadura de pelo”, non porque o diga o BNG, senón porque llo está dicindo o propio centro.   

 “A vostede parécelle que un centro que acolle a máis de 1.000 alumnas pode funcionar con dúas persoas de conserxaría? Parécelle que un centro pode estar aberto de 7.30 a 22 h con só dúas persoas de conserxaría?”, cuestionou o deputado nacionalista ao conselleiro, a quen advertiu que o IES San Paio xa se viu na obriga de pechar por unha urxencia dun dos seus dous conserxes.    

 Ruanova recordou que o posto de conserxería demandado está recoñecido na RPT da Consellería de Educación, cun orzamento consignado, pese ao que o departamento de Román Rodríguez segue negándose a cubrilo. “Polo tanto, semella que o que está facendo a súa consellería é aproveitar o falecemento dunha persoa para desfacerse dunha praza recoñecida”, afirmou.   

 O que lle pide a comunidade educativa ao Executivo do PP, afondou, é que deixe de aplicar a súa característica xordeira administrativa e se sente a tratar os temas que levan meses preocupando no centro, entre os que tamén se atopa, por exemplo, a falta dun ascensor operativo, e que Educación lles empraza a que “busquen eles como cambialo”, pese a que hai persoas con mobilidade reducida.  

 “Isto é unha deixadez absoluta pola súa parte que o que nos demostra é que teñen cero interese en exercer as súas funcións”, reprochou ao titular de Educación, ao que, na vez de delegar as súas competencias aos centros, se faga cargo delas e poña enriba da mesa solucións reais aos problemas do IES San Paio, de Tui, cuxa comunidade educativa está poñendo de manifesto unha vez máis a súa dignidade.  

 Neste sentido, o deputado do Bloque recordou que cando, no seu día, o propio Román Rodríguez afirmaba en sede parlamentaria que era imposible manter o departamento de portugués no centro, a consellería tivo que recuar e mantelo grazas á mobilización da súa comunidade educativa.   

 “Polo tanto, dende o BNG confiamos que desta volta pase o mesmo, porque por riba dese desprezo que demostra pola comunidade educativa do San Paio de Tui está o dereito recoñecido da ANPA, do profesorado e do alumnado a ter garantidos os servizos e persoal que a súa consellería ten secuestrados”, concluíu.    

Ningún comentario:

Publicar un comentario