COMERCIO INCLUSIVO EN TOMIÑO
Unha iniciativa de ADETO para os negocios da vila
Gonzalo Lomba / Tomiño
Con motivo do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, a asociación de empresas de Tomiño (ADETO), levou a cabo a primeira acción da súa iniciativa Comercio inclusivo, repartindo entre os seus asociados pictogramas identificativos da actividade de cada establecemento.
A iniciativa, xurdida á proposta dunha integrante da asociación, busca facer máis amable e igualitario o acceso aos establecementos para persoas con dificultades cognitivas.
Nesta primeira entrega de pictogramas estivo presente a concelleira Cristina Martínez, en representación do Concello de Tomiño, que apoia esta e outras actividades de ADETO en prol do comercio local.
Nesta primeira fase da iniciativa repartíronse máis de setenta pictogramas entre establecementos comerciais de Tomiño aínda que se agarda que a medida se extenda a todos os negocios da vila co fin de crear un entorno comercial sen barreiras que aposte claramente pola inclusividade.
Os pictogramas son símbolos gráficos propiedade do Goberno de Aragón, creados por Sergio Palao para ARASAAC (Centro Aragonés para la Comunicación Aumentativa y Alternativa) e distribuídos con licencia aberta para o seu uso. Neles, cada tipo de establecemento está representado de xeito claro permitindo a súa identificación por parte de persoas con autismo ou outro tipo de dificultade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario