Escolares dos cinco centros educativos de Tomiño piden un “buzón viaxeiro” para participar na vida municipal
• A alcaldesa percorreu os cinco colexios de primaria de Tomiño acompañada polo concelleiro de Participación Infantil, para escoitar propostas e opinións do alumnado
Infogauda / Tomiño
A participación infantil e xuvenil na vida municipal está cada vez máis presente en Tomiño. Os cinco colexios de Educación Primaria coincidiron en solicitar no último pleno infantil, celebrado en novembro do ano pasado, unha caixa de correos viaxeira, onde cada persoa puidera ir facendo propostas, suxestións ou presentar unha queixa para incrementar e mellorar a comunicación co Concello.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, percorreu nas últimas semanas,, acompañada polo concelleiro de Participación Infantil, Agustín González, cada un dos centros educativos de Educación Primaria, co fin de coñecer os proxectos, propostas e inquedanzas do alumnado de 5º e 6º curso. “Fomentamos a participación dos nenos e nenas dous últimos cursos de primaria, especialmente, no Consello da Infancia e Adolescencia Voces Novas –explicou a rexedora tras as visitas- que é un organismo moi importante xa consolidado, e conversamos sobre posibles solucións para as demandas que nos fixeron”.
Froito xustamente desta participación infantil e xuvenil son os murais que visten na actualidade catro edificios, decorando muros ou fachadas que afeaban a vila. Comenta a alcaldesa que tamén foi idea dos máis pequenos do municipio, de enviar postais de Nadal a cada unha das persoas maiores de Tomiño; cosa que se vén facendo con moito éxito nos últimos anos, ou a distribución dos xogos na alameda do Campo da Feira.
A nivel xeral pediron melloras para os seus coles, sobre todo, dos patios, aclarándolles a alcaldesa que esas obras deben levarse a cabo en colaboración coa Consellería de Educación. Tamén solicitaron reiteradamente máis lugares na natureza para andar en bicicleta, correr ou camiñar.

Ningún comentario:
Publicar un comentario