4 de abr. de 2025

OIA

A XUNTA DE GALICIA COLABORARÁ CO CONCELLO DE OIA NA REFORMA DO CONTORNO URBANO DO MERCADO DE ABASTOS, QUE SUPORÁ UN INVESTIMENTO DE CASE 290.000 € 

 As obras prevén a remodelación integral do contorno contiguo ao edificio do mercado de abastos, mediante a intervención nos acabamentos, mobiliario, sinalizacións e iluminación 

 Proxéctase, ademais, a creación de novos espazos: unha horta urbana, unha terraza, un espazo para residuos e unha zona de aparcadoiro de bicicletas 


Infografía da actuación obxecto do convenio autorizado no Consello da Xunta desta semana
Fonte: X.G. 

Infogauda / Oia

 O Consello da Xunta acaba de autorizar o acordo de cooperación entre a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e o Concello de Oia para executar as obras de reforma no contorno urbano do mercado de abastos do municipio pontevedrés, que suporán un investimento de 287.963 euros. 

 A intervención obxecto deste convenio da Xunta enmárcase no coñecido Plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego co fin de axudar ás administracións locais a financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas; neste caso, a obra céntrase na reforma integral do contorno contiguo ao edificio do mercado de abastos, mediante a intervención nos acabamentos, mobiliario, sinalizacións e iluminación. 

 A actuación prevista baixo o convenio autorizado no Consello da Xunta desta semana, esténdese ao treito da beirarrúa do contorno do mercado de abastos, integrándoa no deseño urbano proposto, sen entrar na calzada, no aparcadoiro nin nas sinalizacións. 

 Proxéctase, ademais, a creación de novos espazos: unha horta urbana, unha terraza, un espazo para residuos e unha zona de aparcadoiro de bicicletas. 

 Así mesmo, no marco das actuacións prevese a renovación das instalacións de servizos: rede pluvial, saneamento, abastecemento de auga, electricidade e iluminación, incluíndo as acometidas. 

 Proponse tamén un sistema de reutilización da auga pluvial e o soterrado das liñas aéreas eléctricas e de telefonía, con realización de arquetas e canalizacións. 

O convenio 

 O Goberno galego cofinanciará nun 70% estas intervencións, achegando un investimento de 201.574 euros, contratará e executará as obras. 

 O Concello de Oia achegará o 30% restante do custo das actuacións, 86.389 euros; redactará o proxecto das obras, realizará as xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, e comprométese á recepción, mantemento e conservación das actuacións que incorporará ao patrimonio público municipal. 

 Baixo este acordo autorizado hoxe polo Executivo autonómico, a Xunta segue impulsando a continuada colaboración coas entidades locais para a execución de obras e outras actuacións de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial. 

 Ademais, a través doutras medidas e liñas de colaboración como este Plan Hurbe, o Goberno galego contribúe a promover o desenvolvemento dos núcleos rurais da comunidade como motores de dinamización, ao convertérense en puntos de localización dun importante número de servizos públicos e privados que permiten achegar o modelo urbano a todo o territorio. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario