1 de abr. de 2025

DEPORTES

BALONMÁN 

O Mecalia Atlético Guardés inicia en Elxe o seu dobre compromiso 

• Visita este mércores ás 20:00 horas ao Atticgo BM Elche, para disputar o primeiro dos dous partidos que lle esperan esta semana 

Será unha cita importante para as de Ana Cristina Teixeira Seabra e na que manterán o mesmo obxectivo que nos outros cinco partidos que restan de liga regular: sumar dous puntos para defender o liderado ata o final 

Cecilia Cacheda non viaxará debido a microrroturas no músculo sóleo da perna polas que debe gardar repouso 


Plantel do Mecalia Atlético Guardés que desprazouse ao Levante para medirse co Atticgo Balonmano Elche
Foto: M.A.G.


Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés encara o seu dobre compromiso esta semana. Este mércores 2 de abril  20:00 horas, as de Ana Cristina Teixeira Seabra disputarán o partido de vixésimo segunda xornada da Liga Guerreras Iberdrola na casa do Atticgo Balonmano Elche, na que suporá a primeira cita dos vindeiros sete días, xa que o sábado recibirán ao Costa del Sol Málaga na Sangriña. Un calendario repleto para un equipo que quere maximizar o seu resultado nos seis encontros que lle restan de liga regular e nos que se xoga o liderado que con tanta regularidade mantivo durante toda a tempada. Para conseguiren os dous puntos este mércores, porén, o plantel guardés non poderá contar con Cecilia Cacheda, que sofre unha lesión muscular na perna, pola que debe gardar repouso, e pola que aínda non sabe se poderá xogar tampouco este sábado na casa. 

 O Mecalia Atlético Guardés chega ao encontro coa confianza restaurada tras unha vitoria con actitude na casa. O pasado sábado A Sangriña viviu unha emocionante remontada contra un Caja Rural Aula Valladolid que soubera dominar a primeira parte, pero que atopou de fonte ao terremoto dun Mecalia Atlético Guardés capaz de marcar 17 goles na segunda metade do partido (26-23), resarcíndose así da desilusión copeira das semanas anteriores. O pico de adrenalina aínda dura e é do máis conveniente para as de Ana Cristina Teixeira Seabra, pois será un dos elementos que as axudarán a afrontar unha semana que inclúe dous encontros cruciais contra rivais moi esixentes, separados ademais por 2.000 quilómetros de viaxe en autobús. As xogadoras saíron este luns ás 23.30 horas e disporán dunha xornada de adestramento en Elxe, pero o camiño de volta será moito máis axustado para chegar á Guarda con tempo abondo para preparar o encontro do sábado. 

 En canto á convocatoria, volve ser outra das dificultades que terá que resolver o conxunto guardés. O plantel branquivermello lamenta unha nova ausencia, a de Cecilia Cacheda, que nos últimos días sufriu microrroturas no músculo sóleo da perna polas que se lle recomendou gardar repouso, e debido ás que non puido xogar o pasado sábado de xeito imprevisto. Por iso, a central non viaxou, e súmase a Elena Martínez como baixa para este duelo. Tampouco se contará con ningunha xogadora de base para reforzar a convocatoria. 

 Con todo, a maior dificultade que terá o Mecalia Atlético Guardés para volver da cidade ilicitana con dous puntos será, sen dúbida algunha, o seu rival. O Elche vive un momento moi diferente ao que pasaba a última vez que ambos equipos se atoparon, no partido ligueiro de novembro na Sangriña. A aquela novena xornada as de Joaquín Rocamora chegaban no décimo posto da táboa, tras un comezo de tempada no que non remataban de atopar o seu sitio e con soamente dúas vitorias ás súas costas. Un panorama totalmente oposto ao deste mércores, pois a estas alturas do curso o conxunto alacantino conseguiu escalar ata a sexta posición e recibirá ao Mecalia Atlético Guardés inmerso nunha serie de cinco vitorias ligueiras consecutivas, algunhas delas fronte a rivais mellor posicionados coma o Porriño ou un Málaga en condición de anfitrión. 

 Aquel duelo como locais en novembro saldouse cunha vitoria de carácter para as de Ana Cristina Teixeira Seabra (23-20). Este mércores, o obxectivo será facelo propio para frear as ansias dun equipo que se sabe case afianzado nos postos de eliminatoria e a apenas tres puntos de diferenza do terceiro clasificado.   

Ana Seabra: “Queremos os dous puntos, pero sabemos que imos ter que traballar moito e ben” 

 A adestradora do Mecalia Atlético Guardés, Ana Cristina Teixeira Seabra, indica que o deste mércores “é un partido que sabemos que non será doado”, xa que o Atticgo BM Elche “medrou ao longo da tempada” e recibirá ás súas nun moi bo momento ligueiro. 

 En canto ás chaves para obter a vitoria, a técnica remite ao seu mantra habitual: a concentración e a confianza no traballo propio. “Sabemos que teremos que estar moi concentradas e ser conscientes do que imos atoparnos”, explica Seabra, quen cre que as súas terán que “facer un bo traballo, porque se non, vai ser moi difícil”. 

 Cada partido é unha final a partir deste momento para o seu plantel, e a preparadora do Mecalia Atlético Guardés está decidida a gañalas todas. Porén, é moi consciente da dificultade da tarefa, comezando polo día de mañá: “Queremos os dous puntos, pero sabemos que imos ter que traballar moito e ben”.    

AXENDA  

Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 22 

Atticgo BM Elche – Mecalia Atlético Guardés | 

Mércores, 2 de abril, ás 20:00 horas, no Pavillón Esperanza Lag

Retransmisión: https://www.youtube.com/live/eOHLxK_-jR4

Ningún comentario:

Publicar un comentario