1 de abr. de 2025

A GUARDA

A inacción do goberno de Carrero pon en risco unha subvención de máis de 1,5 millóns de euros para a reforma da piscina municipal  

A obra da piscina debe estar rematada o 31 de marzo de 2026, ou perderase a subvención de máis de 1,5 millóns de euros conseguida polo PSOE guardés. Se non hai prórroga e se perde a subvención, esixiremos responsabilidades políticas polo dano causado á veciñanza.  


Infografía da piscina climatizada municipal de A Guarda
Fonte: GMS A Guarda


Grupo municipal do PSdeG-PSOE / A Guarda

 No pleno ordinario celebrado o 26 de marzo, o goberno municipal levou por fin a aprobación do expediente de licitación das obras de reforma da piscina. Un proxecto impulsado polo noso grupo, o PSOE, na anterior lexislatura, e para o que deixamos xestionada unha subvención de máis de 1,5 millóns de euros.  

 Mais queremos lanzar unha advertencia moi seria: a obra ten que estar executada, facturada e pagada con data límite do 31 de marzo de 2026. E a día de hoxe, tras revisar os prazos e falar co persoal técnico municipal, podemos dicir que rematar esta obra en prazo vai a ser altamente improbable, por non dicir imposible.  

 Se non lles conceden unha prórroga, será o Concello quen teña que asumir con fondos propios ese millón e medio de euros. E se iso ocorre, deixámolo claro xa hoxe: pediremos responsabilidades políticas por esta perda gravísima de fondos públicos que A Guarda non se pode permitir.  

 A resolución definitiva de concesión da subvención chegou en xullo de 2023, cando o señor Carrero xa estaba na alcaldía. Sabía perfectamente que era unha obra prioritaria, e tivo tempo de sobra para poñerse a traballar. En vez diso, deixaron pasar o tempo ata estar, unha vez máis, coa auga ao pescozo.  

 Oxalá consigan unha prórroga e todo saia ben, porque esta reforma é imprescindible. A piscina chegou ao fin da súa vida útil, e se sofre unha avaría grave, o servizo podería paralizarse, cun prexuízo enorme para o pobo. Por iso, reiteramos o noso apoio a que esta obra se faga, pero non calaremos se se perde, por culpa da inoperancia e falta de xestión de Carrero, o financiamento conseguido polos/as socialistas.  

 E si, lembramos que cando o Partido Popular estaba na oposición, votou en contra da reforma doutros equipamentos deportivos, como o pavillón municipal, só por estratexia política. Nós non imos facer o mesmo. Porque a nosa maneira de facer política é a de construír, non destruír. Apoiamos os proxectos necesarios para A Guarda, goberne quen goberne, porque por riba de todo está o interese da veciñanza. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario